" />

Feijóo garante atención ás familias con novas prazas públicas de garderías

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, garantiu hoxe o compromiso coa atención integral á familia con novas prazas públicas de garderías e con máis e mellores infraestruturas. Fíxoo durante unha visita á nova escola infantil pública de Burela, onde lembrou que para este curso escolar 2017/18 a Xunta puxo á disposición das familias arredor de 22.500 prazas públicas ou sostidas con fondos públicos en escolas infantís de 0 a 3 anos. “E como fixemos no actual curso, atenderemos a todas as familias que quedaran sen paraza na rede Galiña Azul a través do Bono concilia, con axudas económicas directas que oscilan entre os 45 e os 250 euros ao mes”, engadiu.

Nesta liña, subliñou que se o ano pasado se beneficiaron deste programa 2.600 familias, a previsión é que na convocatoria deste ano a cifra aumente ata os 3.500 beneficiarios. Así mesmo, salientou que o Executivo autonómico pon á disposición dos galegos outras ferramentas como as casas niño, un servizo de atención continuada á infancia de ata 3 anos de idade para núcleos rurais; e as escolas infantís en contornos empresariais, coa posta en funcionamento nas próximas semanas da gardería do polígono do Río do Pozo, en Narón, con 41 prazas.

No tocante á nova Galiña Azul dos Castros, Feijóo subliñou que esta infraestrutura pon á disposición das familias do concello da Mariña 41 novas prazas máis de educación de 0 a 3 anos, sete profesionais e un servizo de comedor que estará dispoñible a partir do 1 de outubro. E destacou tamén as obras de mellora na Escola infantil de Burela, cun investimento de preto de 13.000 euros.

En relación á atención aos maiores, o responsable do Goberno galego lembrou que Burela conta con 88 prazas públicas na residencia de maiores, na que se investiu para a mellora do seu equipamento 25.000 euros, e con 40 prazas no centro de día.

Pola súa banda, o alcalde de Burela, Alfredo Llano, valorou positivamente a visita do presidente da Xunta, e resaltou que “hai que ter en conta que en Burela hai o crecemento demográfico perfecto, temos a pirámide poboacional extraordinariamente ben. Como dato teño que dicir que hai máis xente de menos de 20 anos que de máis de 65 anos, o cal quere dicir que é un concello no que hai que favorecer este tipo de servizos como son as escolas infantís para poder combinar a vida familiar e laboral”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo