Feijóo pide unir o voto no PP ante un Sánchez “cada vez máis parecido a Zapatero”

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu en Lugo unir o voto no Partido Popular para que haxa “Goberno, xestión e compromiso” con Galicia ante un Pedro Sánchez “cada vez máis parecido a Zapatero no ámbito económico”. Así, avogou por evitar que a España que vén despois do próximo domingo se converta “naquela España da crise e da
recesión”.

Segundo manifestou o presidente da Xunta de Galicia, non hai por que esperar a que o deterioro da economía sexa maior nin a que os traballadores de Alcoa, As Pontes ou o sector forestal perdan o seu emprego para dar unha alternativa. Asegurou que unha política distinta é posible e que “é a política seria a que merece a pena”. Por iso, pediu o voto a favor do cambio unindo o voto do centro-dereita, para evitar que a España do 2024 “sexa unha España en deterioro e en profunda recesión económica”.

No seu discurso, o líder do PPdeG lamentou que España se teña que enfrontar “aos seus peores datos de paro nos últimos sete anos”, o que motivou que o PSOE “non quixera que se soubesen as cifras” para a celebración do debate electoral. Como apuntou, Galicia non é allea á situación do país nin ás decisións e “á falta de decisión do Goberno que tanto están danando a nosa industria”, polo que advertiu dos perigos de volver ocultar a realidade e de relativizar outra vez o que sucede. Nese senso, recordou que xa hai precedentes de intentos similares e que os resultados xa os coñecen todos os españois “porque os padeceron”.

Como indicou Feijóo, “levamos meses sen falar do que importa”, como o emprego, a economía, as pensións e o avance do país; e volveu incidir en que España necesita estabilidade, xestión, rigor e experiencia. A efectos da política nacional, o presidente aseverou que o país “está parado, hai inestabilidade e inacción por parte do Executivo central”.

Pola contra, asegurou desde a Comunidade estase a facer todo o posible para compensar todo isto -a Xunta aproba presupostos, cumpre coas obrigas e xestiona e impulsa medidas en todos os ámbitos-. Na mesma liña, remarcou que a campaña electoral detén a labor institucional pero non os problemas, as incertezas na nosa industria, a paralización de infraestruturas clave como o AVE, nin os efectos da inestabilidade e da parálise do Goberno que, como moito, os retén todo o que pode como fixo cos datos do paro no debate electoral.

No que respecta a Alcoa, dixo que os traballadores seguen agardando por unha solución mentres a situación empeora. Un problema, indicou, que non se pode aprazar máis. Así, o líder do PPdeG pediu “seriedade” e recordou que no pasado mes de abril Pedro Sánchez se comprometera a que despois eleccións se faría a proposta de control dos prezos da luz e que estamos no mes de novembro sen ter nada: “Galicia non pode permitirse perder esta fábrica, xa que A Mariña estaría nunha situación de bloqueo e a provincia de Lugo tería o batacazo máis importante na súa industria en décadas”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo