Fernán Vello: “Non son un político profesional, son un cidadán que decidín dar este paso por responsabilidade cívica”

O candidato de En Marea ao Congreso por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello, amosouse optimista nos micrófonos de Lugo Si Radio e asegurou que os 6 deputados que algunhas enquisas lle dan á formación “van ser multiplicados porque En Marea estase configurando como o voto útil da esquerda en Galicia” e prognostica que a coalición podería obter “entre 8 e 9 escanos”. Polo tanto tamén está seguro de que En Marea conformará un grupo parlamentario galego propio.

Do mesmo xeito manifestou que durante a campaña está atopando “unha grande receptividade co noso programa“, e sumando esta situación cos resultados das sondaxes “parece posible que En Marea obteña en Lugo un deputado no Congreso, e que a esquerda nacionalista poida levar a esta Cámara a voz dunha grande maioría social”, de forma que racharía coa actual distribución dos catro escanos que lle corresponden á provincia, que actualmente se reparten PP (3) e PSOE (1).

Preguntado polo proceso para ser designado como cabeza de lista na provincia, Fernán Vello, escritor e editor que ata o de agora só fora militante en formacións como o BNG ou Esquerda Nacionalista, asegurou que

“non son un político profesional ao uso, senón un cidadán que se compromete na política activa porque fun reclamado cordialmente por moitas persoas e por unanimidade, o cal me convenceu para finalmente e por responsabilidade cívica dar este paso na política activa”.

O candidato falou tamén das necesidades de Lugo que, asegurou, “é unha provincia esquecida”.

Segundo Fernán Vello a mellora das infraestruturas “será unha prioridade para En Marea”. “Lugo debe quedar unida coa Meseta a través dunha liña de Alta Velocidade que teña todos os mecanismos de seguridade” explicou. Outro dos proxectos que reivindica é “a autoestrada que una Lugo co aeroporto de Lavacolla a través de Guitiriz” e lembra que Lugo “ten un gran potencial no turismo cultural e ecolóxico”. Neste sentido afirma que é imprescindible “a posta en valor do río Miño, o máis emblemático de Galicia, e que pasa por Lugo”.

Por iso reclama a construción dun Museo e dunha aula de interpretación “onde os pequenos recoñezan a beleza dun río de inmenso valor ecolóxico”. Ao mesmo tempo defendeu os sectores produtivos, e fixo referencia aos gandeiros “que están en pé, en protesta, non de vacacións” e lembra que “cada gandeiro perde 2,3 céntimos por litro de leite. Son os prezos máis baixos do Estado e da Unión Europea, e ter que haber unha solución”. Fernán Vello asegura concibir a política como “unha práctica humanista. Os seres humanos son o noso obxectivo básico e fundamental” e explicou como se sinte cando a xente se lle achega e lle conta a súa situación. “Isto produce en min unha sensación de querer contribuír. Se non estivese na miña mente un acto de cooperación para resolver os problemas da xente non estaría onde estou”.

Para rematar, en relación ao acordo que permitiu que Podemos e Esquerda Unida se presenten en coalición en Galicia, algo case excepcional no resto do Estado, Fernán Vello asegurou que a nosa comunidade “demostrou nos últimos anos que é un laboratorio de ideas políticas”.

“O mesmo Pablo Iglesias recoñeceu a grande capacidade de visión e de organización que tivo Beiras cando creou AGE, que pasou de non existir a en poucos meses conseguir 200.000 votos e 9 deputados no Parlamento galego”.

Polo tanto, para o candidato “aquí está acontecendo algo. Galicia e Lugo poden ser portagonistas dun cambio histórico”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com