Vou ter a ousadía, aínda a sabendas de que tal vez me estou a meter nun “xardín” importante, de afirmar que penso que moitos lugueses e luguesas concordarán comigo no que vou dicir, malia que non o manifesten abertamente, pero sinto, de corazón, que tiña que dicilo.
Gran parte da miña vida transcorreu no barrio de A Milagrosa, ao que, de corazón, malia xa non residir nel desde hai algún tempo, continúo considerando o meu barrio.
Nel vivín a miña infancia, a miña adolescencia, a miña xuventude, e gran parte da miña vida adulta, chegando mesmo a casar nel, a depedir a meu pai primeiro, a miña nai algúns anos mais tarde….toda unha vida!, e do que presenciei, anos mais tarde, con profunda dor, o evidente deterioro que o barrio ía sufrindo, sen que ninguén con competencias fixera nada para tentar impedilo, agás convertelo en arma arroxadiza política e escenario de fotos nas campañas electorais .
Naturalmente, todos nos vivíamos con especial ilusión estas datas, nas que comezaba a celebración das nosas festas, unhas festas, ademais de divertidas, animadas, acolledoras e amables, moi amables.
Todo o barrio participaba coa súa presenza, e nel todos tiñamos cabida, nenos, adolescentes, pais e nais……todos.
Mesmo aqueles veciños que durante o resto do ano non facían apenas vida social, se botaban a rúa neses días, no que o ambiente de ledicia era a nota predominante.
Inesquecibles esas verbenas nas que, tal vez por única vez no ano, coincidiamos todos, pais, fillos, parellas, nenos…..todos.
Eran, para moitos de nos, as únicas noites no ano na que tiñamos “barra libre” de horario, porque, ademais da seguridade que ofrecía o barrio, era moi probable que, a poucos metros de nos, os nosos pais estiveran, xunto con outros veciños, bailando, rindo, e gozando de todo aquelo nun ambiente do mais san e alegre.
Foron estas festas o escenario do nacemento de moitos “amores de fin de verán”, a consolidación dalgúns que comezaran pouco tempo antes, e das risas e ledicia dos mais pequenos nas súas atraccións.
Somos moitas as mulleres, hoxe xa avoas ou a lo menos en idade de selo, que eramos, ademais de veciñas do barrio, alumnas do colexio Divina Pastora, que aínda rimos lembrando como tentabamos agocharnos entre a multitude, sobre todo se bailabamos con algún rapaz, porque corría o rumor, nunca soubemos se fundado ou non, de que as monxas estaban a observarnos tras as cortinas e persianas, e que, a poucos días de comezar o curso, nos ían dar para o pelo a todas as que nos pillaran co carriño do xeado.
As mesmas que, anos mais tarde, revivimos a nosa infancia cos nosos fillos, que desfrutaron, o mesmo que nos anos antes, nestas festas.
Pero non solo a veciñanza do barrio participabamos nelas.
Eran moi numerosos os veciños doutros da cidade que acudían a compartir con nos esas datas, ata o punto de que, nalgún tempo. as festas de A Milagrosa chegaron, non diría a desbancar, pero si a facerlle sombra as de San Froilán.
E todos nos estamos a ver e a lamentar profundamente como unhas festas tan entrañables, que, tras algúns anos difíciles, semellaban recuperar o seu mais que merecido esplendor, se manchan, véndose reducidas a un cuadrilátero de loita indigno, e totalmente fora de lugar, no que cada cor política tenta levar a auga ao seu rego, convertendo as que deberían ser unha datas de lecer, de convivencia, a unha serie de leas e burdos mitins políticos que non fan se non ensuciar o ambiente de festa que, se supón, se debería desfrutar, aparcando, por uns días, as súas diferencias e os seus evidentes intereses.
Tanto nos ten quen ten a razón, se é que a ten algún.
A Milagrosa non merece isto.
As confrontacións políticas teñen o seu lugar e os seus tempos onde levalos a cabo, e non son, desde logo, e baixo ningún concepto, estas festas onde o único que desexamos os lugueses e luguesas, veciños do barrio ou non, é desfrutar, convivir, e recuperar o ambiente amable, cálido e acolledor do que tivemos a fortuna de desfrutar durante moitos anos.
O resto sobra e mancha.
Marta Rodriguez Engroba


