Filgueira e as razóns do galeguismo autonomista 18-xuño-1936: Conferencia-mitin de Filgueira Valverde en Radio Lugo sobre a posición da Dereita Galeguista diante do Referendum do Estatuto de Galicia

O 18 de xuño de 1936, cando non tiña aínda cumpridos trinta anos, o xa catedrático de Literatura do Instituto de Ensino de Medio de Lugo, Xosé Filgueira  Valverde, pronunciou unha encendida conferencia-mitin a través das antenas de Radio Lugo, EAJ-68, pedindo o voto no nome da Dereita Galeguista para o Estatuto de Autonomía de Galicia, que se ía votar en referéndum o 28 daquel mesmo mes.

O catedrático de filosofía Manuel Regueiro Tenreiro, na actualidade xubilado, xunto con Fernando Regueiro Pérez, pescudou nos fondos do Museo Provincial de Pontevedra, Arquivo Filgueira Valverde, onde se conserva o texto manuscrito –con emendas e tachaduras- desta conferencia, que revisou e analizou, conseguindo rescatar o texto orixinal,  que ofrece ao público en xeral, e de xeito especial aos estudosos da figura de Filgueira, precisamente con motivo de serlle dedicado este 2015 o Día das Letras Galegas. Pode accederse a este texto no portal  www.diadasletrasgalegas.com de Galicia Digital (Filgueira Valverde), tanto ao orixinal facsímil como á súa transcrición e análise.

Como conselleiro da Federación de Forzas Galeguistas de Dereitas de Galicia, Filgueira defende o voto a favor do Estatuto, baseándose no “sentido cristiá da vida”, xa que aquelas dereitas asimilaban “a doutriña ideolóxica dos cristiás para a defensa esgrevia da libertade e da personalidade”.

Para Filgueira e os seus, “a patria –o nazonalismo- é o afincamento no chan nativo, na caste e no fogar, na vella lengua e no costume antergo, na historia propia e no propio arte”. E fronte ao materialismo que non soña cun fogar familiar para os seus, entenden que hai que combatelo -non coa violencia senón- co “quentor agarimoso do chan nativo”, avogando por unha terra patriarcal onde non haxa ricos nin pobres, onde a xente non é escrava do Estado nin da crase, viva leda e feliz”.

Menciona (hai 79 anos!!!) como exemplo a “Ucrania, que afrolece no ermo da Rusia soviética”, e arenga aos que queiran escoitalo chamando polo “orgullo, a dignidade, o dereito e o deber” de votar polo Estatuto xa que, “aínda que non fose galeguista nin galego, votaría o Estatuto pola ledicia de que o pobo galego gobernando ben, demostrase que non hai motivos para  telo preterido, e que “se algo hai que corrixir no pobo galego, corrixámolo, educándoo a andar polo seu pe, anque algúns nos esnafremos de camiño”.

Anima aos galegos a votar o Estatuto “cun nudo na gorxa, como quen sae do fogar para unha nova vida e sente sobre si a anguria da responsabilidade, a anguria do futuro”.

Afirma Filgueira que “nós, os que no Estatuto pedimos a Autonomía, non somos un pobo de separatistas. Non sabemos o que é o separatismo. Somos o berce do Estado, a célula de formación histórica e social da “[gran] Hispania maior”, nesta gran hispanidade Galicia debe abrirse porque “ten diante de sí, agardando de novo a sua fala xenerosa ás terras de Portugal, i- as terras da Hespaña a xunguirse nunha superior solidaridade superestatal”.

Nós, afirma, “non loitaremos por gobernar senón porque Galicia sexa gobernada”. E pide que se vote “por puro amor á terra, por auténtico e calado patriotismo, ese si que en vós é un asentimento aos mandados da tradición”, para que o Estatuto “sexa unha reintegración de Galicia ao seu propio ser histórico”.

Esta xoia da nosa historia e da nosa cultura está publicada tamén na web www.radiolugo.info, da emisora lucense onde orixinariamente se emitiu esta chamada ao voto das dereitas galeguistas a prol do Estatuto de Galicia, plebiscitado  o 28 de xuño de 1936.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com