Fin de semana de aumento do virus que xa supera en Lugo os 200 casos activos logo de detectar, dende o venres 65 novos casos

A covid volve aumentar en Lugo tras unha fin de semana na que o ritmo de contaxios lonxe de estabilizarse aumentou de forma considerable. Así, no último informe do SERGAS, con datos recabados ata as 6 da tarde de onte, cifran en 227 os casos activos, 35 máis que os informados o venres. E é que, ao baixo ritmo de altas médicas hai que sumarlle o aumento dos positivos detectados. 

Así, malia que nas últimas horas o SERGAS rexistrou 17 novos contaxios, o certo é que durante a fin de semana sumaron un total de 65 positivos novos. Sen ir máis lonxe, o sábado detectáronse ata 30 positivos na provincia, moi por riba dos 11 que se viñan detectando días atrás. 

65 positivos e tan só 32 altas médicas entre o venres e onte. En total, dende o inicio da crise sanitaria Lugo sumou xa máis de 12.322 persoas curadas, 11 delas na última xornada. 

Este aumento de casos trouxo consigo, como era de agardar, un aumento tamén da presión asistencial. Malia que as unidades de críticos permanecen cun so paciente, no HULA, as unidades convencionais de todos os hospitais públicos da provincia viron aumentados os ingresos de pacientes covid. Así, o HULA suma 4 pacientes covid, un máis que o venres, mentres que os hospitais comarcais contan con 3 pacientes con infección activa por covid en planta cada un.

E todos estes datos danse logo de se detectar un gromo na Mariña, do que xa informamos o venres en Si Radio e que levou a Sanidade a pasar a Viveiro e Cervo ao nivel medio de restricións. Esta mañá, Ramón Ares, xerente da área sanitaria de Lugo asegurou que este gromo está preto de estar controlado e que xa teñen trazados todos os casos. En viveiro, o concello máis afectado, os positivos na última semana suman 32 persoas. Asemade, Vilalba está a experimentar tamén un aumento de infeccións por coronavirus, hoxe hai 22 casos, pero Ares asegura que a evolución é boa.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com