Finalizada a segunda fase do proxecto europeo ‘Biogov’ para a protección da Biodiversidade

A Xunta está a piques de completar a súa participación na segunda fase do proxecto BioGov (Celebrando a gobernanza da biodiversidade), impulsado no ano 2018 ao abeiro do programa Interrreg Europe e que ten como obxectivo axudar ás rexións participantes a optimizar a eficacia dos fondos do programa operativo Feder destinados á mellora das infraestruturas verdes e da biodiversidade a través do intercambio de experiencias, información e coñecementos.

No caso galego, o Instituto de Estudos do Territorio dirixiu os traballos, que nos últimos catro anos se centraron na protección e restauración dos valores naturais da zona dos Ancares —incluída dentro da grande área paisaxística das Serras Orientais—, e concretamente, no concello de Cervantes, elixido pola Xunta como municipio piloto para levar a cabo esta iniciativa tendo en conta as súas singularidades, xa que máis do 90% da súa superficie está en Rede Natura 2000 e ten un marcado carácter agrogandeiro.

Ademais de Galicia, os outros socios europeos deste proxecto colaborativo son: Países Baixos (provincia de Fryslân); Bélxica (Axencia de Terras Flamencas); Polonia (Rexión Lodzkie); Romanía (Axencia para a protección ambiental de Mures e a Fundación ADEPT de Transilvania); Bulgaria (Asociación de xestión búlgara); Eslovenia (Instituto Forestal Esloveno); e Suecia (Xunta administrativa comarcal de Västra Götaland).

O proxecto está estruturado en dúas fases: unha primeira, os dous primeiros anos, durante a que se deseñou un plan de acción, a desenvolver durante os dous seguintes. A finalidade deste plan foi probar iniciativas que poidan diminuír a perda de biodiversidade en Galicia desde a perspectiva da Estratexia Europea das Infraestruturas Verdes.

Tendo en conta que o concepto de gobernanza participativa que promove BioGov baséase na cooperación entre os axentes que actúan e conviven no territorio desde calquera punto de vista, organizáronse nos Ancares talleres coa participación de propietarios de terras, agricultores, gandeiros ou silvicultores; organizacións ecoloxistas e de custodia do territorio; asociacións culturais e científicas; representantes das administracións locais e autonómica; consumidores e emprendedores que foron quen de traballar conxuntamente para acadar un fin común,  establecendo alianzas e acordos.

Así mesmo, no marco do Plan de acción deseñado co obxectivo de diminuír a perda de biodiversidade, elaborouse material didáctico para sensibilizar á xente moza sobre os beneficios que a natureza achega ao conxunto da sociedade e a individuo.

Tratouse de recoller as boas prácticas e a sabedoría dos agricultores e gandeiros, que son quen de promover estes valores e beneficios a través de entrevistas, constituíndo a base dunha ferramenta que empregarán os profesores nos centros de ensino da zona no marco do Plan Proxecta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

En definitiva, púxose en valor o labor do sector primario na conservación dos valores naturais e paisaxísticos do territorio demostrando a sustentabilidade das súas prácticas nun contexto internacional de cambio climático e co fin de achegar esta experiencia á sociedade e en particular aos actores futuros representados pola comunidade educativa.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com