Flee chega a Codex Cinema tras facer historia nos Oscar

Esta fin de semana terá lugar nos Codex a estrea do filme danés de Jonas Poher Rasmussen que conseguiu acadar tres candidaturas ben dispares nos premios da academia de Hollywood: mellor película internacional, mellor filme de animación e mellor documental.

A historia dun refuxiado político afgán que non quere revelar a súa identidade por medio a represalias sirve ao cineasta danés Jonas Poher Rasmussen para tecer unha emotiva trama sobre os movementos migratorios en Europa e a discriminación, tanto racial como de xénero. Para conseguir que o seu protagonista falase abertamente sen medo ante a cámara, o director optou por un método moi orixinal: capturar todo o movemento dos actores e converter o filme documental nunha película de animación. Así este dispositivo se converte nunha forma de imaxinar futuros posibles e de reflectir realidades que por desgraza moitas cámaras no mundo nunca retratan.

O filme converteuse nun éxito inmediato desde a súa presentación no festival de Sundance 2021 e alí iniciou unha prestixiosa carreira nos Estados Unidos que rematou a pasada semana cun éxito sen precedentes: tres candidaturas aos próximos Oscar, nas que se inclúen a de Mellor película internacional (onde competirá contra Drive My Car e A peor persoa do mundo, esta última de próxima estrea en Codex), Mellor documental e mellor filme de animación, tres categorías aparentemente sen relación e que o traballo de Rasmussen reúne con naturalidade.

Destacada pola súa visión humanista e a reivindicación das minorías, nun momento histórico no que Afganistán volveu a ser tomada polo movemento talibán, Flee foi recoñecida como unha das grandes películas de autor da tempada.

A casa das pantasmas de Fernando Fernán Gómez e Emma Cohen
En 2021 conmemorouse o centenario dun dos máis importantes creadores da cultura española do século XX. Escritor, dramaturgo, actor e cineasta, Fernando Fernán Gómez foi unha figura inmensa se cadra nunca suficientemente ponderada debido a súa poderosa imaxe, primeiro na comedia e despois en grandes papeis nas producións españolas máis importantes. Pero en Fernán Gómez atopamos a un cineasta reivindicativo, sempre a contracorrente, capaz de realizar as películas máis comerciais e as máis persoais.

Dentro desta lembranza, houbo un pequeno lugar para a reivindicación de Emma Cohen, a súa parella desde os anos 80. Compañeira inseparable e actriz de moitas das súas películas, Cohen foi ela mesma unha creadora, posiblemente eclipsada (a pesar de ambos) pola inmensa figura de Fernán Gómez. Agora é a neta do actor, Helena de Llanos, quen reflexiona sobre ambos en Viaje a alguna parte, título que parafrasea unha das máis coñecidas películas de Fernán Gómez para reflexionar sobre a herdanza dos seus avós, os vestixios que quedan daqueles que xa non están e a
reivindicación das figuras ocultas polo tempo e a historia.

A modo dun fermoso, persoal e vibrante ensaio fílmico, de formas sempre sorprendentes e imaxinativas, Helena de Llanos compón a máis emocionante das homenaxes, ao tempo que o seu filme se erixe como autorretrato da propia cineasta, do seu lugar no mundo, do peso que dúas figuras tan importantes como os seus avós teñen na súa propia  carreira como creadora. Viaje a alguna parte se constrúe a partir da visita á casa familiar, onde a través dos obxectos que posuíron e das estancias nas que viviron Fernando e Emma, se aparecen como pantasmas que guían o camiño do espectador.

Viaje a alguna parte estreouse como parte das conmemoracións polo centenario de Fernando Fernán Gómez e chega agora a Codex Cinema en dous pases limitados, o xoves 17 e o domingo 20, en ambos casos no horario das 20:30.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com