Fomento inicia o trámite de información pública do primeiro tramo da autovía da Mariña

O Ministerio de Fomento inicia hoxe o trámite de información pública do proxcecto de trazado do primeiro tramo da autovía A-74, a coñecida como a autovía da Mariña. O tramo sometido a información pública é o que transcorre entre Barreiros e Foz, que contempla unha lonxitude de 11,15 km e a execución de tres enlaces (Barreiros, O Carme e Foz) cunha inversión estimada de 241,4 millóns de euros.

A autovía A-74 permitirá dar continuidade á A-8, a través do corredor cantábrico da Mariña lucense entre Barreiros e San Cibrao (onde se sitúa ademais o Porto de Interese Xeral do Estado), vindo substituír funcionalmente nese tramo á N-642 que ten unha Intensidade Media de Tráfico superior a 11.000 vehículos diarios, con incrementos de tráfico significativos na época estival, na que se alcanzan os 15.000 vehículos ao día.

Esta autovía ademais de mellorar os índices de accesibilidade, capacidade e seguridade viaria, potenciará a economía da provincia de Lugo e de Galicia en xeral, grazas á óptima conexión dos portos de San Cibrao, Burela, Celeiro, entre outros. Así mesmo, mellora os tempos de percorrido na costa lucense e a comarca da Mariña, ao substituír funcionalmente a nova A-74 á N-642.

Neste senso, o Secretario do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, destacou este martes que “os socialistas constatamos con feitos o inicio do proxecto do primeiro tramo da A-74”. Santos Ramos mantivo varias reunións de traballo no Ministerio de Fomento para abordar a situación desta vía e trasladarlles a importancia desta infraestrutura para os veciños da Mariña. Neste eido, agradeceu ao Goberno de Madrid “o seu compromiso por atender as necesidades da provincia de Lugo, impulsando unha vía de comunicación fundamental e dando resposta a unha vella demanda dos mariñáns que durante anos foi rexeitada polo PP no goberno do estado”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo