Friol recibirá 372.219 euros da Deputación

O voceiro socialista, Álvaro Santos Ramos, adiantou que o Concello de Friol vai recibir do Plan Único da Deputación, 372.219 euros, o que supón máis do 10% do orzamento total do Concello, “por iso demandamos ao Alcalde que suavice a fiscalidade aos veciños, coa rebaixa do IBI, pasando do 0.6% ao 0.4%”.

Sinala que “o Concello ven de pasar un proceso de regularización catastral que significou un importante incremento do que os veciños viñan pagando nese concepto. Ademais o Goberno Municipal, apoiado exclusivamente polo Partido do Alcalde, é dicir o PP, decidiu modificar a ordenanza reguladora do IBI urbana, de tal xeito que cando o tipo impositivo era do 0,45%, pasouse ao 0,6%”.

Santos Ramos afirma que os recibos que están chegando aos moitos domicilios friolenses, xa que agora están chegando recibos dos atrasos da regularización catastral, e estase converténdose nun verdadeiro problema económico para moitas familias, “non só para este ano, senón nos vindeiros”.

“Non nos valen as escusas permanentes do alcalde de que non se pode baixar a contribución despois de subir porque se necesitan ingresos, agora o Concello vai ter 372.219 euros da Deputación, agora pódese baixar e iso é o que pedimos os socialistas”, advertiu.

O PSOE xa propuxo no seu día manter o tipo impositivo no 0,45%

O voceiro lembra ademais que o Grupo Socialista propuxo no seu día manter o tipo impositivo no 0,45% e aplicar diferentes bonificacións, entre outras a do 95% aos inmobles nos que se realizase actividade agrícola ou gandeira. “Naquel momento o PP non quixo ou non puido ver o positivo da proposta e rexeitouna, pero posteriormente modificouna”. “Esta bonificación aplicouse cun ano de retraso, e os veciños de Friol foron as únicas vítimas do desleixo do Goberno do PP. E os veciños seguen pagando máis polo IBI do que pagaban antes”, insistiu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com