A Fundación TIC e a Asociación Cultural Avelino Díaz asinan un convenio para realizar un documental sobre o poeta

Bolseiros e técnicos da Fundación TIC realizarán un documental sobre o Poeta de Meira, Avelino Díaz, co fin de apoiar o labor da Asociación Cultural que leva o seu nome a prol de que se lle dedique o Día das Letras Galegas no 2017, coincidindo co 120 aniversario do seu nacemento.

O traballo audiovisual levarase a cabo en virtude do convenio de colaboración que asinaron este mércores nas instalacións da TIC a patroa da Fundación e Deputada de Artesanía e Deseño, Regina Polín, e o presidente da Asociación Cultural Avelino Díaz, Francisco Manuel Veiga.

Regina Polín subliñou “o interese da TIC en difundir a figura e obra de Avelino Díaz, natural de Santa Comba de Orrea, en Riotorto, que malia ter que emigrar a Arxentina coa súa familia, mantivo un forte vencello coa súa terra”. “Unha sinxela ollada a súa obra –engadiu a patroa da TIC- permítenos comprobar o sentimento de galeguidade que impregna os seus poemas, que sen dúbida o fan merecedor de recoñecemento no Día das Letras Galegas”.

A Asociación Cultural Avelino Díaz está integrada por numerosos colectivos e particulares, xunto aos Concellos de Riotorto e Meira , lugar de nacemento e localidade na que residiu o poeta, respectivamente.

Doutra banda, centos de persoas seguiron onte en directo o VIII Campionato de Baristas de Escolas de Hostalería, a través da web da Fundación TIC (www.fundaciontic.org), grazas a realización, gravación eemisión por streaming que levaron a cabo os alumnos de 2o do Ciclo de Realización da EIS, a única Escola de Imaxe e Son da provincia.

O Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano, asistiu este martes no IES de Foz á final da competición na que participaron 17 centros de España e Portugal. O Deputado destacou que “no que levamos de certame estase a repetir o éxito de visitas de anos anteriores, no que se acadaron unhas 3.000 durante os tres días de encontros barísticos”.

Deste xeito, afirmou Llano “a colaboración da TIC e o instituto focense demostra a importante labor de promoción que se está a levar a cabo nos últimos anos do encontro ó exterior”. De feito, os campionatos de baristas que se celebran estes días na Mariña son o referente en España nesta disciplina profesional, “o que da prestixio a imaxe da comarca luguesa e aumenta as posibilidades de inserción laboral no sector hostaleiro”, engadiu o deputado mariñao.

Ademais na emisión tamén se puido seguir a entrega de trofeos ós gañadores. Nesta ocasión, o mellor barista Internacional para escolas de hostalería foi parar ó coruñés Enrique Salgueiro Galdo, do CIFP Paseo Das Pontes. O segundo clasificado foi José Pérez Gayoso, do IES Villamarín, en Ourense; e o terceiro, o cántabro Juan Manuel Caviedes Hoyo, do IES Fuente Fresnedo.

A Fundación TIC tamén emite hoxe a traveso da web www.fundaciontic.org o III Campionato Internacional de Baristas Profesionais, que se desenvolverá das nove da mañá ás dúas da tarde.

Neste caso reunirá a 12 especialista, entre outros, os actuais campións baristas de Cantabria e da Comunidade Valenciana; e o campión de España do Forum Café, Adrián Fernández. A proba foi vista o ano pasado por máis de dúas mil persoas a través do streaming. @depulugo

 

 

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com