Galería Néboa inaugura “Os coleccionistas de formas” de Vicente Blanco 

O vindeiro día 2 de febrero. Venres, ás 19:00h inauguraráse a mostra individual “Os coleccionistas de formas”de Vicente Blanco na Galería Néboa.

“Os coleccionistas de formas” é a primeira exposición individual de Vicente Blanco en Lugo coa que presenta unha colección de debuxos que xorden da observación da súa contorna inmediata: as zonas rurais de Galiza, onde as tradicións, a arquitectura, a paisaxe e a lingua estanse a esvaecer absorbidas polos modelos neoliberais que priorizan o luxo e o exotismo.
E é o debuxo a peneira coa que os coleccionistas recollen as imaxes de mundos imaxinarios imbricados nesa realidade máis próxima, fragmentos de arquitecturas, elementos naturais e historias dotados de forte carga simbólica. Dende esta perspectiva, a arte é para o artista a ferramenta fundamental na construción de narrativas sobre pertenza, coidado, deseño, responsabilidade ou memoria individual e colectiva.
Os modos de vida rurais están a desaparecer, as transformacións ultra rápidas actuais borran a diversidade de cosmovisións do mundo e crean unha especie de “non lugar”. Ao ter construído a súa identidade dende as marxes e con referentes afastados do seu contexto rural lévao a adoptar a mirada dos colectivos invisibilizados, colonizados ou explotados, como a natureza e os animais e de aí a presenza simbiótica e recorrente en toda a súa obra. Como sinala o artista nese mundo en ruínas, como construír a identidade dende as marxes?, como narrar dende un contexto invisibilizado, que tamén invisibiliza o desexo e a existencia”.

A súa serie de debuxos, realizadas con lapis de cores, acuarela e gesso pigmentado sobre lenzo e papel, constrúense en diferentes capas de información. As narracións fractúranse, ocultando información e invitando ao espectador a imaxinar o que non se mostra. Deste xeito, crea narrativas abertas, plurais e fragmentadas que se descompoñen e afástanse do estado embrionario para enriquecerse e complicarse e que dan como resultado unha suspensión do sentido e do significado que flúe dunha maneira lenta cara un posible desenlace da trama, como unha espera silandeira.

Blanco apela a man non só como ferramenta executora, senón tamén como extremidade pensante. Son esas mesmas mans as que recollen, agarran, preocúpanse, abrazan e desenvólvense. Son mans de traballo pero tamén mans de afecto que recorren os corpos e selan o vínculo humano coa natureza que se mostra fértil, afectiva quizais, na súa fase onírica; ameazante, na vixilia.

As diferentes proporcións e escalas das figuras que aparecen nas obras, humanas e/ou fantasmais e surreais, establecen unha sorte de coreografía hipnótica na que o humor e a ironía, non están exentas. O artista refire o debuxo como caracterizado por unha riqueza e fraxilidade, onde todo permanece e que remite a unha danza, onde se rexistra o movemento de todo o corpo como ritual de repetición dun xesto.

Vicente Blanco (Cee, 1974) é Licencidado en Belas Artes na especialidade de Escultura pola Universidade de Vigo (1997) e Doctor en Belas Artes pola Universidade de Granada (2012). Blanco expuxo en prestixios museos de arte contemporánea como o MNCA Reina Sofía (Madrid), CGAC (Compostela), MARCO (Vigo) e o MUSAC (León).

Vicente Blanco foi distinguido recentemente coa bolsa da Fundación Pollock-Krasner (2023) e a súa obra está presente en destacadas coleccións como a Fundación María José Jove, o Centro Galego de Arte Contemporánea e o Museo de Arte Contemporáneo de Castilla y León, entre outros.  Dende o 2013 reside en Coeses, unha pequena parroquia do concello de Lugo. Imparte clases na área de Didáctica da Expresión Plástica da USC na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo.

Horario : Martes a venres de 11h a 14h / 17h a 20h. Sábados 11h a 14h. Outro horario, previa cita.

Lamas de Prado 31, Lugo

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com