" />

Galicia contará con 1.055 millóns de euros para desenvolvemento rural

Galicia percibirá un total de 1.055,26 millóns de euros recollidos no Plan Estratéxico para a aplicación da nova Política Agraria Común destinados a financiar as intervencións de desenvolvemento rural no territorio no período 2021-2027, segundo ven de declarar o Delegado do Goberno en Galicia.

Miñones sinalou que a nova PAC será “máis xusta, máis social e máis sostible” co obxectivo principal de que os agricultores e gandeiros poidan facer fronte ao desafío do cambio climático e do medio ambiente, mantendo a rendibilidade das súas explotacións nun escenario de certeza ata 2027.

.Para facilitar a substitución xeracional destinaranse máis de 140 millóns de euros anuais, que equivale ao 3% do orzamento das axudas directas (primeiro piar). Delas, polo menos o 2% irá á axuda complementaria á renda para novos agricultores (40 anos ou menos) e o outro 1% procede das medidas de desenvolvemento rural para a instalación de novos agricultores.

A nova PAC terá un marcado enfoque ambiental, xa que máis do 40% do seu orzamento, 47.724 millóns de euros para para o período 2021-2027 no caso de España, destinaranse ao desenvolvemento dunha agricultura e gandería máis respectuosas co clima e o medio ambiente, facendo un uso sostible dos recursos naturais.

Neste punto, os ecoesquemas son unha das grandes novidades desta PAC e implican a realización dunha serie de procedementos voluntarios remunerados que contribúan favorablemente ao clima e ao medio ambiente como, por exemplo, prácticas para aumentar o contido en carbono orgánico dos chans, o mantemento dos pastos ou as rotacións de cultivo con especies mellorantes.

José Miñones destacou, ademais, que “o pago redistributivo contribuirá a lograr unha PAC máis xusta e máis social, beneficiando especialmente ás explotacións medianas e pequenas de España, en xeral, e de Galicia, en particular”.

Así, o delegado do Goberno sinalou que “estamos ante unha nova PAC na que destaca o equilibrio entre a sostibilidade de agricultores e gandeiros e o coidado medioambiental”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo