Gandeiros advirten dunha folga indefinida se non se lles paga o prezo xusto polo leite

A Plataforma de Gandeiros Lácteos Unidos, a través de Agromuralla, vén de anunciar unha futura folga de entregas se a industria non comeza a pagar aos gandeiros “como  mínimo o custo de produción, estimado en máis de 0.41 euros o litro antes do 15 de decembro”.

Reunidos en Valencia de Don Juan (León) o pasado 3 de decembro, gandeiros de todo o Estado, decidiron que diante da grave situación que atravesa o sector lácteo no país, a única opción que queda, é a folga indefinida de entregas.

Esta é a medida máis dura que pode adoptar un gandeiro, pero á vez, é a única que pode reverter esta situación caótica na que está sumido o sector, o leite é nosa e os únicos que se enriquecen con ela son os que nola compran.

“Na reunión baralláronse máis opcións, pero a votada maioritariamente foi esta, sen renunciar a outras que se están xa xestando e que serán apoiadas e secundadas por esta plataforma”, explican no comunicado.

A folga será indefinida no tempo, non deixando circular polas estradas nin unha soa cisterna de leite, “non queremos prexudicar aos transportistas, que nos consta que o están pasando tan mal como nós, pois as industrias téñenlles igual de asfixiados en prezos, pero non podemos deixar que se nova un só litro de leite en España neses días de folga”.

Dende a Plataforma, instan aos gandeiros a non asinar contratos que non cubran eses custos de produción, “debido a que así o marca a Lei da Cadea Alimentaria” sendo, polo tanto, ilegal que as industrias lles obriguen a asinar eses contratos.

“Efectuaranse reunións polas distintas rexións para planificar os devanditos actos, así como para a creación de piquetes informativos que estarán en activo polas estradas do noso país”, explican.

Ademáis, dedne a Plataforma solicitan das industrias que revisen os prezos que pagan aos gandeiros “nestes 11  días que quedan” porque, pola contra ” a folga será inevitable, pois a economía dos gandeiros non está para esperar máis, sendo inviable un prezo que nos siga asfixiando ata a ruína”.

Explica ademáis este colectivo que solicitan do Ministerio e das distintas Comunidades Autónomas que fagan unha mediación neste conflito “sendo que máis parece que non están decatadas da gravidade da situación”, diante do que tildan “a indolencia e inoperancia que están a practicar”.

A gandería de leite en España dá traballo, directa e indirectamente, a máis de 30.000 familias, a maioría fixadas ao medio rural, “que, se isto non sae adiante, veranse abocadas á desaparición”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com