Godard en Codex Cinema

Corría o ano 1959. El chamábase Jean-Luc Godard e a película era A bout de souffle (titulada inexplicablemente en España como Al final de la escapada). Filme radical e imposible, mesturaba anarquicamente influenzas e tradicións do film noir americano ao tempo que presentaba un retrato dunha xuventude nihilista e moderna, unha xeración radicalmente diferente a dos seus pais. Foi o comezo dunha das máis grandes aventuras da historia do cinema. Un cineasta en contradición permanente que sempre se preguntou polo devir da sociedade e do cinema, pola historia e pola vida diaria do cidadán medio. Filmes inclasificables e maxistrais como Vivir a súa vida, Un film comme les autres, Sauve qui peut (la vie) ou, a máis recente, Adeus á linguaxe adornan unha carreira cinematográfica que destaca pola súa coherencia e a súa busca incansable por formas sempre novas, sempre desafiantes, contra as institucións, as academias e as inxustizas.
Sesenta anos despois do seu debut, chega a Lugo O libro de imaxes. Godard conta hoxe en día con 90 anos. Un dos cineastas máis veteranos en activo é tamén un dos máis xuvenís en espírito. Estamos ante un filme sen ataduras, no que se fala da historia do cinema mais sen mitomanía nin nostalxia, senón construíndo un discurso dialéctico e poderoso, esquivo e inabarcable. Pódese dicir que O libro de imaxes é un collage que mestura as imaxes do mundo coas imaxes do cinema.
Este filme extraordinario é como un quebracabezas imposible, un labirinto de formas e sons que colidan entre si, que se mesturan e degradan, como recordos que se perden na nosa memoria. É difícil pensar nun desafío maior que
este filme, mais para que existen as salas de cinema senón é para mostrar filmes que ofrezan unha alternativa a nosa visión do mundo. É o obxectivo dos Codex Cinema, e nada lles fai estar máis orgullosos que ter esta obra maxistral. Este cinema será unha das nove salas en todo o Estado que proxecte regularmente o filme.
O filme presentouse no Festival de Cannes do ano pasado, onde levou un recoñecemento especial en forma de Palma de Ouro especial. Neste certame presentouse tamén a outra estrea desta semana: Cafarnaúm , o desolador drama de Nadine Labaki. Un filme tan emocionante como tráxica sobre a infancia perdida dos nenos de Beirut. Un filme que levantou e levanta grandes polémicas sobre a achega de Labaki a esta situación.
Tamén se amosan moi ilusionados porque ambos filmes chegan a Codex Cinema en versión orixinal con lendas en galego, grazas ao traballo da Cooperativa Numax a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística. “Non podemos máis que agradecer aos nosos compañeiros da sala Numax polo seu compromiso co cinema e coa cultura galega e en galego”.
Por último, informan dende Codex que, debido a uns problemas derivados da situación de obras na que se encontra parte do noso complexo, que no futuro albergará moi variadas ofertas de ocio, vémonos obrigados a pechar os días martes e mércores, xa que o traballo dos profesionais que están adecuando e actualizando os espazos faría demasiado molesta a proxección dos filmes para os nosos espectadores. Polo tanto, o noso horario de apertura limitarase ata o mes de abril aos xoves, venres, sábado e domingo, así que rogamos a todos os nosos espectadores que desculpen este inconvinte.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo