" />

Hoxe celebrase o Día das Letras Galegas dedicado a Manuel María

Hoxe día das Letras Galegas homenaxease ao egrexio escritor chairego, Manuel María Fernández Teixeiro, nado no municipio de Outeiro de Rei. Os actos centrais da homenaxe realizaranse na casa natal do poeta, convertida en Casa-Museo da Fundación Manuel María.

No acto, que comezará ás 12:30 horas, intervirán a académica Margarita Ledo Andión e os académicos Darío Xohan Cabana e Manolo Rivas. Pechará o acto o Presidente da Academia, Xesús Alonso Montero.

Ademais deste acto central haberá centos de actos ao longo de todo o país para honrar ao poeta chairego.

Manuel María naceu o 6 de outubro de 1929, no seo dunha familia de labregos máis que acomodada. Vive os seus anos da nenez e da adolescencia como calquera outro neno do mundo rural, coa única diferenza de que na súa casa non sufrirán nunca a miseria e a fame que coñecen a maioría das familias naqueles primeiros tempos da posguerra. Comeza a escola en Outeiro en plena guerra civil. Logo prepara en Rábade o ingreso no Instituto cun mestre que dedica as tardes dos sábados a ler e comentar textos poéticos galegos -algo verdadeiramente sorprendente nesa época-, o que lle permite descubrir a existencia da literatura galega nesa etapa inicial da súa vida. Inicia o Bacharelato no curso 1942-43 no Instituto Masculino de Lugo. Antes de rematar o primeiro curso, en maio de 1943, morre o seu pai e faise cargo da súa educación o seu tío paterno, párroco de San Froilán e profesor de Filosofía no Instituto Feminino da cidade luguesa. Son anos duros e difíciles, que o futuro poeta vive como internado na Academia Galicia dos maristas até que no 1947-48 regresa ao Instituto para rematar o bacharelato. Sempre que pode, de calquera xeito, retorna aos seus eidos, á liberdade de Outeiro de Rei, onde vive días moi felices coa nai e cos irmáns, integrándose plenamente no mundo labrego. Precisamente é cun criado que traballa na casa, Manuel de Paderna, co que aprende a facer versos nos mediodías do verán, á sombra dunha oliveira. Ademais da influencia cultural do seu tío crego, moi formado en Teoloxía, Filosofía e Literatura, nese tempo da adolescencia de Manuel María é para el lectura habitual A Biblia, a obra de Rubén Darío, os clásicos españois e a Xeración. 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo