Inauguración da nova sede de Aspnais situada no antigo hospital San José

A nova sede de Aspnais foi inaugurada esta maña. Estas instalacións foron sometidas a unha rehabilitación integral para levar a cabo a adaptación e modernización dos espazos, o que permitiu aumentar a capacidade asistencial da asociación e agrupar nunha mesma sede a residencia, os talleres, o centro de día e o centro ocupacional.

Ao acto inaugural asistiu o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, que subliñou “o compromiso do Goberno Galego coa atención á discapacidade, e un incremento nun 16% do orzamento que o ano que vén se destinará a esta fin. Esa significativa suba permitirá incrementar nun 37% as liñas de colaboración con entidades como ASPNAIS, ademais das axudas a través do IRPF, para a adquisición de vehículos adaptados ou para a construción e rehabilitación de centros de maiores ou persoas con discapacidade”

Asemade a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que tamén participou na inauguración, felicitou a Aspnais “polo excepcional labor que levan realizando dende hai máis de medio século -56 anos-, día a día, cunha gran dedicación, para mellorar a calidade de vida e favorecer a integración das persoas con diversidade funcional” e reiterou o compromiso do executivo municipal “con todas as persoas que sofren esta doenza, coas súas familias e cos colectivos que traballan por e para eles”.

A alcaldesa quixo felicitar tamén á asociación pola iniciativa de dedicar unha escultura na entrada das instalacións a Conchita Teijeiro, “quen dedicou a súa vida a visibilizar, dignificar, mellorar a calidade de vida e traballar pola integración real e efectiva das persoas con diversidade funcional”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com