O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, inauguraron este mércores na Fonsagrada o 1º campo de fútbol que existe nesta Comarca, o “Gómez Besteiro”. Trátase dunhas instalacións públicas que levaban anos demandando os veciños da zona e que fixo realidade o organismo provincial cunha achega económica de 550.000 euros. Decidiuse facer tras a xuntanza sobre o orzamento participativo da institución para 2015 porque así o reclamaron os cidadáns do partido xudicial fonsagradino. O campo estreouse hoxe cun encontro entre o CD Lugo e o SD Compostela. Na inauguración estivo José Ramón Gómez Besteiro, ex Presidente da Deputación de Lugo e impulsor do campo, o Subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, e ducias de veciños
Xustiza cos veciños da Montaña
Campos Conde subliñou que “durante décadas, cun Goberno do Partido Popular na Deputación de Lugo, a Montaña luguesa foi a Comarca discriminada por excelencia. Nos últimos 8 anos, cun Goberno progresista no organismo provincial e con Gómez Besteiro como Presidente, a Deputación investiu na zona preto de 30 millóns de euros, facendo xustiza cos veciños desta zona. Melloráronse imprescindibles servizos públicos como as estradas, nas que, aínda que queda moito por facer, se fixeron grandes avances para que esta Comarca deixase de estar practicamente incomunicada. Construíronse novas instalacións públicas, como o Consistorio da Fonsagrada, que era o máis antigo da provincia; ou este campo de fútbol, que os veciños levaban anos reclamando. E trouxéronse novas oportunidades económicas para unha zona cun grave problema demográfico, como o son os centros de maiores da Fonsagrada e Navia de Suarna, ou a 1ª sala de despece de carne cinexética pública en Galicia, que se sitúan onde se atopa o tecor máis grande da Comunidade galega”.
“O conxunto de investimentos por valor de 30 millóns de euros que a Deputación de Lugo decidiu traer nos últimos anos á Montaña é un acto de xustiza cos veciños; ao igual que creo que tamén é de xustiza recoñecer o esforzo que o Goberno progresista de Gómez Besteiro fixo, precisamente, para ser xustos cos veciños desta Comarca. Dende a Deputación, cun novo Goberno progresista, seguiremos a facer xustiza, pois os veciños dos 67 Concellos deben ser sempre tratados por igual”, concluíu o Presidente.
Fernández Queipo subliñou que “hoxe é un día de festa na Fonsagrada. Facemos realidade unha demanda da cidadanía que vén dende tempos pretéritos, coa inauguración deste campo de fútbol que leva o nome de Gómez Besteiro, unha persoa que fixo moito pola nosa terra e polos nosos veciños”.
Pola súa banda Gómez Besteiro remarcou que, “estou eternamente agradecido ao pobo da Fonsagrada e orgulloso do equipo que formamos na Deputación cos fonsagradinos baixo as directrices do capitán Argelio Fernández. Estou seguro que a unión deportiva vai a continuar agora con outros veciños de Galicia e Asturias, que virán a adestrar o que é o campo de fútbol máis alto da Comunidade galega”.
Cúmprese unha demanda veciñal
Ata o de agora, os municipios que integran a Montaña luguesa (Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín, A Fonsagrada e Baleira) non contaban cunhas instalacións habilitadas para practicar fútbol 7 ou fútbol 11. Só existe un terreo en Baleira, en desuso dende hai unha década, posto que nin tan sequera conta con servizos básicos de auga e luz. Isto obriga aos veciños da Comarca a desprazarse a outros Concellos. É o caso de rapaces da Fonsagrada, que durante a época estival acoden ao municipio de Vilanova de Oscos, en Asturias. Todo isto, a pesares de aumentar a canteira. Só na Fonsagrada, hai 70 rapaces nas escolas deportivas, 9 equipos na liga local e ata un equipo máis na 3ª división rexional.
O Campo de fútbol “Gómez Besteiro” está situado nunha parcela de 12.000 metros cadrados, coñecida como Coto da Pedreira, moi preto da vila fonsagradina. Este espazo é de titularidade municipal. O Concello adquiriuno nos anos 80, precisamente, para facer un campo de fútbol, que nunca se executou. Co obxectivo de tentar cumprir esta vella demanda, o actual Goberno municipal dotouno dos servizos de auga e luz.