Investigado tras accidentarse e fugarse do lugar, por conducir sen carne e de forma temeraria

A Policía Local citou como investigado por dous delitos contra a seguridade viaria a o condutor dun vehículo accidentado o pasado 25 de marzo na intersección das rúas Rolda de Fingoi e Alfonso X e que xerou considerables danos materiais e de orde pública.

Os feitos sucedéronse, como diciamos, o pasado día 25 de marzos cando tras recibir o aviso a sala do 092, un equipo de atestados e dúas radiopatrullas da Policía de Barrio se trasladan ao lugar do accidente.  Unha vez alí, observan como o suceso tivo lugar entre tres vehículos: un Renault Megane que circulaba pola Rolda de Fingoi en dirección Avenida Madrid e outros dous turismos que se internaban na Rolda de Fingoi desde Alfonso X. O condutor e os tres ocupantes do Renault Megane foxen a pé do lugar e son perseguidos por un axente da Garda Civil fóra de servizo, que se identifica no momento de iniciar a persecución. 

Este Garda Civil sofre unha caída na persecución producíndose unha lesión nun ombreiro e perde o contacto visual co condutor cando este se tira por un muro de contención de considerable altura, aínda que manifesta que se o ve pode identificalo. Os condutores e os ocupantes dos outros turismos non presentan lesións de consideración e trasládanse polos seus medios a centros sanitarios.

 En días posteriores, os axentes da Unidade de Atestados da Policía Local de Lugo realizan unha investigación, visualizando as cámaras de control de tráfico nas que se comproba que o Renault Megane circula a gran velocidade e se interna no cruzamento sen respectar a luz vermella do semáforo. Así mesmo nunha inspección ocular do vehículo atópase un DNI e un teléfono móbil do que resulta ser o fillo do titular do vehículo e tras realizar as consultas oportunas compróbase que carece de permiso de conducir.

Así mesmo compróbase que ao longo da tarde dese mesmo día a Policía Local recibira unha chamada ao 092 informando que un Megane Granate realizara adiantamentos indebidos pola zona Duquesa de Lugo e un axente da Policía Local de Lugo fóra de servizo vira ao mencionado vehículo minutos antes do accidente realizando unha condución temeraria.

O equipo de Atestados localiza ao condutor, que se traslada á Xefatura da Policía Local, onde o axente da Garda Civil o identifica sen ningunha dúbida, presentando ademais unha lesión no nocello que se produce cando salta polo muro.  Por todo isto, o condutor é citado como investigado pola comisión de dous delitos contra a seguridade viaria. Un por conducir carecendo de permiso e outro por unha condución temeraria con manifesto desprezo pola vida dos demais, ambos regulados no código penal. O titular do vehículo e pai do condutor é investigado tamén como colaborador necesario, citándose por Xuízo Rápido.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com