Isabel Rodríguez destaca o labor de prevención que desenvolven as forzas de seguridade nos centros escolares

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, destacou hoxe o labor de prevención que realizan as forzas e corpos de seguridade do Estado mediante a formación de escolares e membros das comunidades educativas da provincia. A subdelegada mantivo esta mañá unha xuntanza de traballo coa Policía Nacional e a Garda Civil para planificar a programación que desenvolverán no que resta do curso escolar os equipos de formadores do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos.

Isabel Rodríguez resaltou a estreita colaboración das forzas de seguridade cos centros escolares da provincia, como o reflicte a gran adhesión dos colexios á programación do Plan Director. Neste sentido, indicou que tanto a Policía Nacional como a Garda Civil desenvolven un importante labor de formación da mocidade sobre temas como os riscos que representa o uso inadecuado das novas tecnoloxías ou problemas como o acoso escolar, a violencia de xénero ou os distintos tipos de adicións. Estas son algunhas das actividades que están a ter máis demanda nos centros escolares da provincia.

Trala xuntanza, a subdelegada anunciou de que tralas vacacións do Nadal xa está prevista a celebración de 310 charlas na provincia, que se desenvolverán en 120 centros educativos e ás que se prevé a asistencia de 9.910 participantes.

No primeiro trimestre do curso escolar xa se celebraron 146 charlas na provincia que trataron sobre os riscos de internet e ciberseguridade, acoso escolar e ciberacoso, violencia de xénero e igualdade, drogas e outras adicións como os videoxogos e as apostas deportivas, bandas xuvenís e delitos de odio, tráfico e seguridade viaria.

Estas actividades celebráronse en 50 centros educativos da provincia e nelas participaron un total de 4.315 persoas (4.020 alumnos, 267 profesores e 28 nais e pais).

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com