José Tomé: “Afondar na historia e riqueza do Colexio do Cardeal fortalece a nosa identidade como pobo”

O Presidente da Deputación, José Tomé, participou este venres na apertura dos actos conmemorativos do IV Centenario da Consagración da Igrexa do Colexio Nosa Señora da Antiga de Monforte, unha celebración impulsada pola fundación que rexe este conxunto monumental que, destacou o dirixente provincial e Alcalde monfortino, “está a servir para afondar no coñecemento dun dos buques insignia do excepcional patrimonio de Monforte, da Ribeira Sacra, do conxunto da provincia e do país, da súa importancia histórica, artística e cultural, pero tamén para fortalecer a nosa identidade como pobo, o que nos converte nunha sociedade máis unida e forte”.

Se ben o monumento, engadiu Tomé, “é un expoñente do noso gran patrimonio artístico, como o certifica o proceso que está en marcha para a súa declaración como Ben de Interese Cultural, o “Escorial galego” forma parte tamén do noso patrimonio emocional. O Colexio dos Escolapios é parte esencial da nosa identidade e orgullo como monfortinos, do noso ser, porque é protagonista dos nosos recordos, da nosa vida diaria, e porque está cheo de vitalidade, pois segue sendo o berce no que se forma dende hai moitísimas xeracións unha parte do tesouro máis prezado que temos como sociedade: os nosos nenos e nenas”.

O Presidente sinalou que ser acredores desta riqueza material e inmaterial “debémosllo, dende logo a todos os homes e mulleres que levantaron, mantiveron e manteñen este conxunto monumental e este colexio en funcionamento, aínda que en primeira instancia debémosllo ao impulsor e artífice da idea de poñelo en marcha, o Cardeal Rodrigo de Castro, que aínda non sendo de Monforte, deixou aquí o maior legado da súa traxectoria vital: este Colexio de Nosa Señora da Antiga”. O papel de Rodrigo de Castro como gran benefactor de Monforte, lembrou José Tomé, foi recoñecido pola cidade, que o distinguiu coa Medalla de Ouro a título póstumo con motivo do centenario do seu falecemento.

Programa do IV centenario

A programación conmemorativa do cuarto centenario da consagración da igrexa de Nosa Señora da Antiga de Monforte arrancou este venres cunha mesa redonda sobre A Importancia Histórico Artística do Edificio de Nosa Señora da Antiga e o Valor Social dos Bens Patrimoniais, na que participou María del Mar Bóveda López, investigadora en ciencias da educación, experta en intervención e revalorización social do patrimonio; Rosana Guerra Pestonit, Luisa Serrano García e María Dolores Lago Arce, redactoras do estudo documental para a declaración de Ben de Interese Cultural do Colexio do Cardeal; e Manuel María Chaín Pérez, subdirector xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura.

A continuación, celebrouse un concerto na igrexa do colexio, a cargo do pianista Ernesto Maseda González. Os actos continuarán mañá sábado cunha xornada de portas abertas, entre as 11.00 e as 12.30 horas, cando comezará a conferencia O Colexio de Monforte, unha intuición renacentista do Cardeal Rodrigo de Castro, a cargo do Pai Francisco Javier Agudo, xerente da Fundación Colexio Nosa Señora da Antiga. Logo terá lugar un concerto de Manuel Randulfe Jácome, director do conservatorio profesional de música Adagio. O programa remata o domingo coa celebración dunha eucaristía presidida polo bispo de Lugo, Alfonso Carrasco.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com