José Tomé formaliza a súa renuncia como Presidente da Deputación de Lugo

José Tomé Roca vén de formalizar na mañá deste venres, 12 de decembro, a súa renuncia ao cargo de Presidente da Deputación de Lugo, mediante a presentación do correspondente escrito no rexistro da institución provincial.

De conformidade co disposto no artigo 52 do Regulamento Orgánico da Deputación de Lugo, a renuncia á Presidencia deberá ser aceptada polo Pleno da Corporación, que se celebrará o martes 30 de decembro, momento a partir do cal a Presidencia quedará formalmente vacante. Mentres tanto, Tomé Roca exercerá como Presidente en funcións, tal e como está legalmente establecido

A partir do 30 de decembro, será o Vicepresidente provincial quen asuma a totalidade das funcións ata o día no que a Corporación elixa un novo Presidente ou Presidenta.

Segundo establece literalmente o artigo 53 do citado Regulamento, «vacante a Presidencia, procederase á convocatoria da sesión extraordinaria para proceder á elección de Presidente ou Presidenta, que haberá de celebrarse o décimo día hábil ás doce horas». En aplicación desta previsión normativa, o Pleno extraordinario para a elección do novo Presidente ou Presidenta celebrarase o mércores 14 de xaneiro, ás 12:00 horas.

A partir dese momento, José Tomé Roca continuará exercendo as súas funcións como deputado provincial, de acordo co previsto no propio artigo 52 do Regulamento Orgánico, que permite a renuncia ao cargo de presidente sen perda da condición de membro da Corporación.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com