A Xunta financia con 1,2m€ a contratación de 93 persoas perceptoras da Risga na provincia

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destina 1.234.400 euros a financiar a contratación de 93 persoas perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia (Risga) en 31 municipios de Lugo.

A Xunta vén de notificar a resolución aos 31 concellos de Lugo beneficiarios para que poidan proceder ás contratacións a través do Servizo Público de Emprego de Galicia; terán preferencia os maiores de 45 anos, os que teñan cargas familiares e os que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral.

O obxectivo deste programa é impulsar o emprego local e proporcionarlles experiencia e práctica profesional ás persoas en situación ou risco de exclusión social que reciben esta axuda. A distribución provincial de créditos calcúlase en función dos datos do paro, da poboación e dos perceptores da Risga que rexistra cada municipio.

Na provincia, os concellos con maior número de contratacións son os de Monforte de Lemos e Sarria, que poderán sumar 10 traballadores en cada caso. Pola súa banda, incorporarán a cinco persoas os municipios de Vilalba, Ribadeo, Chantada, Viveiro, O Saviñao e Burela.

Distribución por comarcas

No sur da provincia, as comarcas de Chantada, Terra de Lemos e Quiroga asumen 385.150 euros de orzamento para contratar a 27 traballadores nos municipios de Quiroga, Sober, Folgoso do Courel e Ribas de Sil, ademais dos xa citados de Monforte,   Chantada e O Saviñao.

Na Mariña contrataranse a 20 traballadores cun orzamento de 265.000 euros, nos  concellos de Mondoñedo, Barreiros, Burela e Xove, ademais de Ribadeo e Viveiro. Na Terra Chá os municipios de Begonte, A Pastoriza, Xermade e Guitiriz, xunto con Vilalba, reciben 176.200 euros para contratar a 13 persoas.

Na comarca de Lugo poderán contratar a 8 traballadores cun orzamento de 94.500 euros nos municipios de Castroverde, Outeiro de Rei, Guntín e Lugo; tamén incorporarán dous traballadores cada un dos concellos da Ulloa -Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei-, cun orzamento conxunto de 70.600 euros; e A Fonsagrada, Baleira e Negueira de Muñiz disporán de 67.600 euros para contratar a 5 persoas. Igualmente, resultaron beneficiarios das achegas Samos e Becerreá.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com