" />

Josito Pérez: “Levamos moito tempo sen un goberno en Galicia que traballe por e para a xente”

Jose Manuel Pérez Afonso, ‘Josito’, número tres de Galicia en Común pola provincia de Lugo e un rostro coñecido tras concorrer ás eleccións municipais de cabeza de lista. O seu partido preséntase cunha premisa tan básica como pouco común na política como é a honestidade e ten claro que o obxectivo de calquer partido ten que ser traballar por mellorar a vida da xente.

Xornal de Lugo: Que pode ofrecer Galicia en Común neste panorama que se presenta de cara ao vindeiro domingo?

Josito Pérez: Como mínimo, e creo que non está nada mal, honestidade. Creo que fai bastante falla na clase política galega, sobre todo, nas institucións galegas. Porque vimos dunha época na que a honestidade e o traballo pola xente non está presente. Eu durante todo este tempo, todos estes actos, intento non estenderme e intento conversar coa xente. Para que son as eleccións? Para elixir ás persoas que traballan para mellorar a vida da xente. Dende logo, o Goberno de Feijóo non gobernou para mellorar a vida da xente. Levamos moito tempo sen un goberno en Galicia que traballe por e para a xente. Faime moita gracia a liña de Feijóo na que dice que nos costará moito poñernos dacordo, ou que necesitamos a xente con experiencia. Erros cometeremos todos, pero o que está claro é que imos ser honestos; cando nos equivoquemos, recoñecerémolo e seguiremos traballando para a xente.

XdL:Un dos temas que sen dúbida vertebran esta campaña electoral, é a crise sanitaria. Está claro que non hai precedentes dunha pandemia similar, pero a xestión dos diferentes axentes, as veces ponse en dúbida. Como cre que actuou o Goberno da Xunta ante esta situación?

J.P.: Eu son mestre e sempre digo ao meu alumnado que non serve de nada chegar ao exame e dar o 110% se non estudiache nada. Que implica isto en materia sanitaria e falando dunha pandemia? Que o que vén de atrás é moi importante. Non podemos enfrontarnos a unha pandemia, que nunca ocorreu na historia, cuns servizos públicos mermados polos recortes e pola mala xestión do Partido Popular. Evidentemente, é unha situación que nunca se deu e o Goberno central foi cambiando cousas e criterios, a medida que se coñecían novos datos, que había novas fontes, e que é así o coñecemento científico, ensaio-erro, entón, nun momento cres que estás dando con algo pero despois tes que modificalo. Eu creo que se fixo o que se puido, cos medios que se tiñan.
O único problema é que tivemos unha oposición moi irresponsable. Eu morría de envexa vendo á oposición portuguesa, vendo como o líder da oposición dicía: “señores do goberno, aquí nos teñen para traballar, para o que precisen, porque se vos vai ben a vós, vainos ben a todos”. Non concibo que nunha situación como a que estuvimos de pasar e coa que estamos se faga política partidista. E a xestión da Xunta, me parece nefasta. No eido educativo non houbo nin un só protocolo para os mestres, non se cubriron baixas, nin se quera subiron as vacantes á páxina web da Xunta. En materia sanitaria, os profesionais fixeron o que puideron, pero é que tamén estaban sen protocolos, sen material… Intentando xogar, dende a Xunta, a ese xogo tan perigoso de “a culpa non é miña”, non me parece responsable. É máis, me parece motivo para non presentarse a unhas eleccións, pero bueno, Feijóo xa fixo bastantes para que non lle dea vergoña presentarse.

XdL:O que cada día se ve máis claro é que este panorama vai deixar unha realidade económica e social moi diferente á que coñeciamos e con moitas carencias. Que solucións presenta Galicia en Común neste senso?

J.P.: En materia económica, nós estamos a presentar unha gran novidade que é a Renda Básica Galega, que complementa o Ingreso Mínimo Vital, para que non haxa ningunha familia que cobre menos de 950 euros ao mes e que é un primeiro paso importantísimo para acadar unha Renda Básica Universal. Básicamente, é unha renda que intenta paliar esa renda pírrica que hai en Galicia, que é o RISGA, e que é insuficiente. Eu considero que en materia económica esa é a base.
Despois, evidentemente, hai que ter en conta que, por primeira vez, no noso país, os autónomos tivemos axuda, chegaría máis pronto ou máis tarde, sería suficiente? pois en algún caso non; pero é a primeira vez que, dende o Goberno Gentral, se axuda aos autónomos. Un colectivo que no noso país, e en Galicia, é importantísimo, e hai moitos que están coa soga o colo. Por que Galicia é a única comunidade xunto con Aragón que non fixo ningún tipo de axudas para autónomos nesta situación? Cremos que temos que invertir en servizos públicos que garantan no benestar da sociedade. É a base do noso programa: o reforzo do sistema público; cunha sanidade competente, con máis profesionais, tes máis mestres, con mellor atención, máis recursos aos concellos para ter uns servizos sociais de calidade… Esto é unha cadea, sabemos que haberá dificultades, pero hai que poñer o diñeiro na xente. Imos tratar a gratuidade das universidades, das escolas infantís de 0-3 anos…
Temos que traballar tamén moito o rural, porque é verdade que o abandono do rural é un problema económico. Somos de Lugo, o pulmón leiteiro de España, sabemos o que está a pasar nas granxas, e aí hai que facer especial fincapé. Non simplemente ir facer unha foto nunha granxa de vacas cuns plastiquiños nos náuticos. Hai que escoitar á cidadanía e traballar.

XdL:A Mariña está a sufrir duramente este rebrote que se ven dando nas últimas xornadas, e o seu partido tomou a decisión de cancelar os seus actos electorais na comarca. Cre que pode ser unha decisión que lle reste votos ao ter menos visibilidade?

J.P.: Si, eu creo que, sinceramente, ter menos presenza nunha campaña pode restarnos votos. Mais cando o noso candidato, do cuarteto de cabeza, é o menos coñecido. Pero estamos sendo responsables e poñendo a saúde por diante. De feito, no comité provincial de campaña, fun eu unha das voces que dixo que había que suspender a campaña na Mariña. Porque se a min me parece irresponsable que as eleccións se fagan así, non podemos facer campaña alí, temos que ser coherentes a pesar de que iso nos reste votos. Hai que gobernar para a xente e se xa en campaña non traballamos por e para a xente, como o imos facer despois cando estemos no poder?
Eu creo que a xestión está a ser nefasta, non se está a ser tranparente. Cando Feijóo convocou dixo que ía ser con todas as garantías sanitarias e vemos que non é así. Aumentaron os casos en Lugo cidade xa, a día de hoxe hai máis casos; e na Mariña é un descontrol. Como pode ser que haxa xente que non poda votar. Eso son unhas eleccións en condicións? Este home puxo a data sen consultar nin falalo co resto das forzas por puro interese. Por que? Porque todos íamos dicir que non. A maioría das forzas valorábamos que o importante é o importante. E se temos que estar dous meses máis ou tres meses máis sen eleccións para que non corra risco a saúde da nosa xente pois temos que facelo. E parece que aquí, no goberno de Feijóo, importa pouco.

XdL:Consideran que pechar a Mariña tan só cinco días podería ser unha medida electoralista por parte do Partido Popular?

J.P.: Estuven a punto de facer un video. Creo que Feijóo deu coa cura do coronavirus. Se ti estás en xornada de reflexión ou de votación, o virus non afecta. Deu cinco días para que a xente se metera nas casa, e que o día de reflexión poidan reflexionar sen estar confinados, e o día das votacións que o virus vai votar pero marcha para a casa despois. É ridículo, non hai ningún tipo de criterio científico na decisión de confinar só cinco días a Mariña. Eu creo que o presidente da Xunta non se representa nada máis que a si mesmo. É vergoñento.

XdL:En vistas de chegar a pactar cos demáis grupos da esquerda e despois da separación que houbo coas Mareas, estarían dispostos a chegar a acordos para formar goberno?

J.P.: Hai que destacar un relato trampa que está a facer a dereita. Eu que, precisamente, me metín en política nestas lerias, cando comezamos con todo este tema das Mareas e de Podemos. Eu recordo aquela primeira campaña das estatais cando En Marea estaba formado só por Esquerda Unida, Anova e Podemos; foron os mellores resultados da esquerda rupturista de Galicia no noso país; e, agora, cinco anos despois, en Galicia en Común volvemos estar Anova, Esquerda Unida e Podemos, e ademáis sumando algunhas mareas municipalistas, que non se quixeran sumar durante a primeira etapa. Eso hai que destacalo. A sociedade vai cambiando e eu creo que se acabou o tema das maiorías absolutas, que se acabou o bipartidismo e que nos acostumemos a PP e PSOE e que non hai nada máis. A política e a cultura do acordo ten que estar presente en España e en Galicia, e creo que é positivo que se nos obrigue aos políticos a poñernos dacordo. Ao mellor un está nunha posición, outro noutra pero temos que ser capaces de chegar a acordo polo ben común. E eu creo que non vai haber problema, como o vai haber tendo un programa, unha clara intención de mellorar a vida da cidadanía? Vai haber acordo si ou si.

XdL: Un último chamamento ao voto?

J.P.: É importante lembrar á xente que se os votantes de esquerda van votar, Feijóo é historia. Acábasenos ese pesadelo. Entendo moi ben o medo, na miña familia hai xente que son pacientes de risco, teñen medo. Vámolo votar tamén na xente que colabora cos partidos, nos colexios electorais… Eu pediríalle á xente que si fora votar para rematar co goberno escuro de Feijóo e comezar unha nova etapa na que a xente sexa o centro de todas as políticas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo