Lactalis comparece no xulgado pola denuncia de apropiación de Unións Agrarias

 O sindicato Unións Agrarias ven de emitir un comunicado no que explica que logrou que “Lactalis teña que acudir mañá as 13.00 horas ao xulgado de Vilalba para aclarar o destino dos case 2,5 millóns de euros que a firma francesa tiña que entregar ao longo do ano 2016 aos seus gandeiros provedores, e non o fixo. Unha cantidade que non deixa de medrar desde 2014 polo incumprimento reiterado de Lactalis do acordo coas cadeas de distribución para que lle trasladaran 2 céntimos máis ás industrias polo leite de marca branca, co encargo de que ese diñeiro fora a parar ás granxas provedoras de cada industria”.

A vista asistirá “en calidade de imputado o apoderado e responsable de compras de Lactalis José Enrique García ao que o equipo xurídico de UUAA lle lembrará que a empresa a que representa asinou o acordo lácteo de setembro de 2014 polo que, entre outras cuestións, se comprometía a compartir cos gandeiros a revalorización que as industrias obteñan sobre os prezos de cesión”. Un compromiso que tamén validarán nos termos sinalados os responsables de compras de grandes empresas de distribución Día ou Carrefour, que acudirán como testemuñas.

A retención ilegal de rendas que está a practicar Lactalis “non tería lugar se a Xunta de Galicia e o Ministerio fiscalizasen estas actitudes corsarias que a empresa da familia Besnier desenvolve en España e non en Francia onde actúa de modo leal cos gandeiros”. Neste sentido, Unións Agrarias lembra que se mañá Lactalis declara ante o xuíz será polas demandas que o sindicato presentou e non porque desde as administracións se iniciasen accións de oficio.

Unha situación similar é a que se da “co modelo de contrato que Lactalis está a trasladar ás explotacións e no que se propón subas de 1 céntimo ata o mes de maio para despois volver ao sistema de “autoindexación” que xa foi posto no seu día en mans da fiscalía do xulgado de Mondoñedo por parte de UUAA, dado a súa flagrante ilegalidade e ante a Axencia de información e control alimentarios, (AICA)”.

A organización agraria cualifica, ademais de “miserable a suba proposta por parte de Lactalis de 1 céntimo que sitúa o prezo base a recibir polos produtores en 28 céntimos, nun momento no que o mercado internacional de leite está en clara recuperación de prezos. O prezo proposto por Lactalis supón condenar ao peche a totalidade das explotacións as que lles recolle o leite xa  que os custos de produción para non vender a perdas fixados polo Ministerio de Agricultura son de entre 33 e 34 céntimos, aínda que se considera que deben ser de máis de 36 céntimos para chegar ao salario mínimo interprofesional”.

UU.AA agarda que tanto o Ministerio de Agricultura como a Consellería do Medio Rural tomen nota desta realidade e que habiliten solucións antes de que situación xa sexa irrecuperable, do contrario serán cómplices da ruína de moitas familias gandeiras.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com