Lara Méndez anuncia un plan de mellora do parque Rosalía de Castro de cara ao seu centenario

O Concello de Lugo acometerá un plan de melloras e de acondicionamento intensivo no parque Rosalía de Castro, “unha zona verde emblemática da cidade, con vistas a que poida amosar a súa mellor imaxe cando estamos a punto de celebrar o seu centenario”. A rexedora lucense, Lara Méndez, explicou os traballos que comezaron xa a desenvolverse e que continuarán durante este mes e xuño.

O plan de actuación inclúe, entre outros, a recuperación do mobiliario urbano como os máis de 200 bancos de madeira, o pintado dos 92 farois, a reposición dos azulexos, a limpeza da pedra e das estatuas, a pintura nas zonas que o necesiten, o arranxo de bordos e alcorques rotos, o cambio de papeleiras e o mellor acondicionamento da área infantil. A estas actuacións súmanse as realizadas recentemente como a mellora e ampliación do parque infantil.

Lara Méndez anunciou tamén que se está a traballar na conmemoración do centenario da aprobación en Pleno da creación desta zona verde, en xullo do ano 1921 con Angel López Pérez como alcalde. A rexedora lembrou que foi chamado oficiosamente Bella Vista polos paisaxes que desde el se divisan.

A súa execución incluíase dentro do plan de hixienización da cidade e pretendía a “construción dun amplo parque con tódalas comodidades e recreos desta clase de paseos”. O lugar escollido para a súa construción foi o coñecido coma Bellavista no Garañón para o que se adquiren as primeiras parcelas, de 94.656 metros cadrados cun desembolso de 91.078 pesetas, que se foron logo ampliando.

Foi, comentou a rexedora, “unha zona verde que foi pensada non para o ornato público e o goce da burguesía decimonónica, senón que tiña un fin social pois podería ser utilizado por todas as clases sociais e estaba pensado para que o gozasen persoas de todas as idades”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com