" />

Lara Méndez enxalza a traxectoria de Marisol Bravos, pregoeira do San Froilán, na loita pola igualdade de dereitos sociais

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recibiu esta tarde na Casa Consistorial á pregoeira das Festas de San Froilán 2021, Marisol Bravos.

Nunha breve cerimonia, que antecedeu á lectura do pregón co que arrancan as celebracións patronais, a rexedora entregou a Marisol Bravos unha “parella lendo” de Cerámica Sargadelos como agasallo institucional en agradecemento á súa intervención.

Durante o acto, Méndez enxalzou a traxectoria vital de Marisol Bravos á que definiu como “unha muller valente, forte e combativa, tal e como demostra a súa propia biografía”.

“Cunha experiencia marcada polas dificultades que ela soubo converter en retos, e polos que traballou con perseveranza, Marisol foi, é unha auténtica defensora dos dereitos… Das persoas con diversidade funcional, das mulleres. Contra as discriminacións, as violencias e a brecha salarial. En prol da igualdade real de oportunidades, dunha sociedade xusta, considerada e consciente de que as diferenzas son, sobre todo, oportunidades”, continuou a alcaldesa.

“Marisol Bravos é, sen dúbida, unha loitadora nata, exemplo de superación, como muller, como persoa, que coa súa afouteza, coa súa calidade persoal e profesional, leva 66 anos facendo deste Lugo unha cidade mellor. Máis integradora e inclusiva, máis solidaria… dende un punto de vista físico – porque foi promotora da supresión de moitas barreiras arquitectónicas – pero tamén emocionais, culturais e sociais”.

“Foi quen de cambiar o noso futuro, contribuíndo a unha nova lexislación; de remover conciencias. As súas ferramentas: a palabra, a formación -como excelente mestra -, a constancia, a unión. Valores, salientou a rexedora lucense, nos que se vertebra a xustiza social, que hoxe deben ser cabeceira de todas e todos como individuos, como sociedade. Que a propia vida, as circunstancias actuais, esta pandemia, recoñecen hoxe, igual ca onte, como esenciais”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo