" />

Lara Méndez insta a que Xunta e Goberno central conten cos concellos nas decisións sobre os fondos europeos

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, alertou esta mañá do risco que corren os concellos se nas decisións sobre os fondos europeos de recuperación postpandemia non se conta coas administracións locais, “que somos as que planificamos o crecemento dos nosos territorios para os vindeiros anos e as que afrontamos directamente a crise social e económica na que derivou a crise sanitaria do Covid-19, e, somos, polo tanto, as que mellor coñecemos as necesidades cidadás, por proximidade e por axilidade de xestión, para darlles respostas reais”.

Neste senso, instou a Xunta e ao Goberno central a que se escoite aos concellos. “Reclamamos que nos inclúan nas determinacións acerca dos fondos que veñen para Galicia e, polo tanto, para os concellos”, e lembrou “que xa sufrimos que a Xunta nos excluíse dos recursos millonarios extraordinarios que recibiu do Goberno central para atender á urxencia da pandemia, que afrontamos só con recursos municipais”.

Lara Méndez avanzou esta preocupación durante o debate que se desenvolveu esta mañá en Viana do Castelo no marco da Comisión Executiva extraordinaria do Eixo Atlántico, organismo que integra a máis de 40 municipios galegos e lusos e do que é vicepresidenta. Nesta comisión, alcaldes e expertos mantiveron un encontro  monográfico sobre os plans de recuperación post pandemia de España e Portugal, os dous primeiros países cuxos plans foron ratificados xa pola Comisión Europea.

Durante esta comisión, os alcaldes manifestáronse na mesma liña que a rexedora, xa que houbo unanimidade respecto aos seguintes temas:

O papel determinante que xogaron os concellos na xestión da crise, desde os servizos básicos á poboación, incluíndo servizos sociais e educativos, a subministración á poboación de alto risco, as axudas a Pemes e autónomos, ata a motivación e o mantemento do estado de ánimo colectivo nun momento extremadamente duro para o que ninguén estaba preparado.

En consecuencia, os concellos deben xogar un papel relevante na primeira liña da xestión dos fondos, incluíndo a aceptación das súas propostas sobre actuacións a financiar xa que son os mellor coñecedores das necesidades dos seus territorios e dos seus cidadáns.

Constataron que tanto o programa español como o portugués, remitidos á Comisión Europea, integran os eixos principais que a Conferencia de Alcaldes do  Eixo Atlántico identificou como prioridades para a saída da crise, en Pontevedra, o pasado ano. Desde esa óptica os alcaldes manifestaron o seu acordo cos eixos prioritarios de ambas as propostas  portuguesa e española, aínda que lamentan que en moitos casos non se concretasen nas remitidas polos concellos.

Existe unha preocupación maioritaria sobre a eficiencia e o resultado dos fondos, xa que non responde maioritariamente a iniciativas innovadoras que desde o ámbito das cidades e os cidadáns contribúan á recuperación da economía. Igualmente existe o risco de que os fondos se atribúan a obxectivos que non se corresponden coa crise e mesmo empresas que estaban en crises antes da pandemia.

Igualmente existe unha gran preocupación sobre o aproveitamento dos fondos ou a posible perda dun volume importante polas trabas burocráticas que os sistemas que se están deseñando poidan conlevar.

Por tanto considérase da maior urxencia e importancia reforzar e incrementar a participación dos concellos na xestión destes fondos, tanto na súa programación como na súa execución, para garantir a eficiencia dos mesmos para os obxectivos aos que van destinados. Esta é unha situación que se produce tanto a nivel do goberno portugués como o español e da Xunta de Galicia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo