Lete Lasa presenta a Cross Ponte Romana como “unhas das mellores probas de Galicia”

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, presentou a cuarta edición da Cross Ponte Romana que terá lugar o 24 de novembro de 2019 nos arredores do Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo. A proba dunha das disciplinas de maior tradición do atletismo pretende converterse na de máis relevancia do noroeste español e conta con distancias desde os 1.000 metros ata os 4.000 para as súas distintas categorías (sub 10, 12, 14, 16, 18, 23, absoluto, máster e popular mixta) nas que participarán uns 700 competidores.

O mandatario galego sinalou que “a historia, o poder de convocatoria, os grandes nomes do deporte, a óptima xestión e toda a forza do atletismo galego” daranse cita na Cross Ponte Romana que xa é unha das mellores probas de atletismo de Galicia cuxo éxito “transcende o ámbito local, provincial, autonómico e incluso nacional”.

Nas súas verbas, o secretario xeral lembrou o programa Xogade que comezou a súa andaina no curso 2009-2010 para que todos os nenos e nenas de Galicia poidan practicar e competir cos clubs e colexios de toda a comunidade autónoma. Unha das modalidades estrela do Xogade é o campo a través ou o cross, no que “a perla do atletismo lucense, Adrián Ben Montenegro, xa estaba anotado no curso 2006-2007 con apenas 8 anos”. Daquela, Xogade contaba con 46.623 nenos e nenas que practicaban deporte en idade escolar, “hoxe temos case 130.000 e un crecemento do 200%”.

Lete Lasa subliñou a importancia do cross nacional Ponte Romana que forma parte do calendario da ANOC, “un circuíto que está considerado como o mellor do mundo e que conta con crosses tan importantes como o de Atapuerca, Elgoibar ou Itálica”.

Do mesmo xeito, o secretario xeral destacou a figura de Daniel Aguilar González, gran impulsor do atletismo lucense que é homenaxeado nesta cuarta edición por ser “unha desas persoas capaz de transmitir todo o bo que ten o deporte e que tanta falta fan na sociedade de hoxe en día”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com