" />

Licitada a redacción do proxecto de construción do Centro de Saúde de Antas de Ulla

A Consellería de Sanidade publica hoxe a licitación da redacción do proxecto básico e de execución, así como a dirección da obra de construción do novo centro de saúde de Antas de Ulla, por un importe total de 51.500 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou no transcurso dunha visita ao municipio para reunirse co alcalde, Javier Varela, que as empresas interesadas teñen ata o 14 de xuño para presentar ofertas e a que resulte adxudicataria disporá dun mes para redactar o proxecto básico e dous meses para finalizar o documento de execución.

Arias destacou que a Administración galega segue avanzando así nos trámites encamiñados á construción da infraestrutura sanitaria, despois de que o Consello da Xunta aprobase o pasado 18 de marzo a aceptación da parcela cedida polo Concello para executar un edificio de 850 metros cadrados que case triplicará en superficie ao actual, de 317.

Segundo o plan funcional aprobado, a empresa adxudicataria deberá deseñar un centro que contará con consultas máis espazosas e cunha sala polivalente que agora non existe. O novo ambulatorio disporá de dúas consultas de medicina, dúas de enfermería, unha polivalente, unha de toma de mostras e unha sala de xuntas.

Arias lembrou que a Xunta e o Concello asinaron a finais de febreiro o convenio de colaboración polo que a entidade local se comprometía a ceder ao Sergas unha parcela libre de cargas e gravames e coa clasificación de uso sanitario; e á Administración autonómica correspóndelle licitar o proxecto, trámite que realiza hoxe, e posteriormente a obra de construción.

O delegado resaltou que a Administración galega leva investidos máis de 110 millóns de euros desde o ano 2009 en mellorar infraestruturas de Atención Primaria, entre as obras xa rematadas -85 centros de saúde reformados ou de nova construción- e as que están en marcha, que no caso da provincia de Lugo son o Centro Integral de Saúde (CIS) de Lugo e o novo ambulatorio do Saviñao. Ademais, o departamento de Sanidade está a tramitar convenios cos concellos de Friol e Palas de Rei para executar reformas nos seus respectivos centro médicos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo