Lídia Senra denuncia que a Xunta está abrindo pistas nos montes queimados

A eurodeputada galega, Lídia Senra, acompañada polos deputados de En Marea no Parlamento Galego, Alexandra Fernández e Davide Rodríguez, ofreceron esta mañá unha rolda de prensa en Santiago para facer balance das respostas dadas pola Administración galega e estatal ante os incendios forestais acontecidos na última semana. Os tres coincidiron en tachar de “irresponsable” que se estea a dicir que estamos ante un fenómeno de terrorismo incendiario organizado, cando non hai ningún dato detrás que avale esta tese, e reclamaron que a Xunta faga “autocrítica” e se poñan en marcha medidas urxentes que aborden o problema dos incendios forestais de maneira global e que aposten por unha ordenación territorial sostible, un cambio de política forestal e un rural vivo. Tamén criticaron a descoordinación no servizo de extinción e a falta de persoal a tempo. 

Lídia Senra chamou a reflexionar e quixo denunciar o que está pasando nos días despois dos incendios. “Gustaríame que desde a Xunta lle expliquen á cidadanía e sobre todo ás persoas que viven nos lugares onde ardeu, cal é a razón pola que se está usando diñeiro público esta semana para abrir pistas polo medio dos montes queimados que ninguén pediu nin sabe para que son. Para apagar o lume non son, porque xa está todo ardido, e é unha irresponsabilidade grandísima meter maquinaria pesada polo medio dos terreos queimados e pechar os camiños tradicionais. Que intereses hai detrás de abrir estas pistas, sen preguntar a ninguén, entrando nas fincas dos particulares sen pedir permiso?”, preguntouse. Tamén instou á Xunta a que explique como vai afrontar a desfeita de patrimonio que se levou a cabo.

“Levamos moitos anos cos lumes, escoitando facer propostas, vendo como aumenta o diñeiro para apagar os incendios, e iso non soluciona o problema, porque senón non asistiriamos a feitos da gravidade desta semana”, dixo, para chamar a abordar a cuestión desde unha perspectiva de cambio radical da política agraria que aposte por recuperar o rural e “facer que vivan nel labregos e labregas producindo en todo o territorio. Ou iso, ou non atacaremos de raíz o problema”, afirmou.

Así, considerou urxente apostar polo apoio a toda aquela persoa que se queira instalar na actividade agraria e gandeira no medio rural e chamou ás administracións a establecer axudas coherentes que o permitan. En segundo lugar, onde xa non hai actividade gandeira e mentres non se consiga instalar labregos e labregas, é necesario fomentar rabaños comunais ou de titularidade pública para limpar o monte. “Este tipo de medidas actuarían de prevención, impedirían que o monte ardera e sería máis rendible empregar os cuartos nisto que entregarllos a empresas privadas que viven de apagar o lume”, dixo. Tamén defende que se limpen os camiños tradicionais e se inclúa o eucalipto no catálogo de especies invasoras; que se corten todos aqueles eucaliptos e piñeiros que se teñen plantado de forma nas terras agrarias ou que están rodeando os núcleos de poboación. “Reto á Administración a que deixe de expoñer á poboación a que poida morrer queimada ou ver como arden as súas vivendas e actúe de forma inmediata cortando os eucaliptos e piñeiros que rodean as casas”, lanzou.

“Non podemos permitirnos seguir vivindo de costas do que está pasando. O abandono do medio rural significa graves problemas para todo o país. O medio rural é a nosa reserva de auga, o noso pulmón, a nosa despensa como xeradora de alimentos, a nosa paisaxe e quen mantén a biodiversidade. Debemos converter toda a solidariedade que houbo, todos os voluntarios e voluntarias que apagaron o lume, nunha forza de resposta que obrigue ás administracións a revitalizar a actividade agraria no noso país”, concluíu Senra, despois de lembrar que esta mesma semana enviou unha carta ao presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Junker, pedíndolle que poñan en marcha medidas para paliar a situación; impulsou outra misiva que xa asinaron máis de 25 eurodeputados e eurodeputadas no mesmo sentido, dirixida aos comisarios europeos de Medio Ambiente e Agricultura.

Pola súa banda, Davide Rodríguez alertou de que “é mentira” ese discurso que está a dar o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de que estamos ante un “terrorismo organizado incendiario”. E na mesma liña que Senra, atribuíu a vaga de lumes á “falta de ordenación dos nosos montes en beneficio das grandes industrias pasteiras” e a unha “falta de previsión e de medios moi grande”.

O deputado no Parlamento galego denunciou que non funcionaron os protocolos, que non se activou o nivel 2 e que a Xunta non deu levado a cabo unha combinación dos medios dos que dispón para combater os incendios, lembrando que acababa de despedir semanas antes  a máis de 400 brigadistas do servizo público e outros 500 de Seaga. Rodríguez tamén criticou que non se reforzaran os servizos de emerxencias do 112 nin o 061 e que durante a fin de semana non houbo información á cidadanía do risco extremo polo que se estaba atravesando. “Seguiron permitíndose actividades no monte como a caza ou o sendeirismo”, sen barallar os riscos, dixo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com