Lídia Senra reivindica o dereito do pobo galego a alimentarse a si mesmo

Lídia Senra ofreceu na tarde de hoxe unha charla no Centro Social A Chavedas Noces, no Antigo Camiño Ancho de Castroverde (Lugo), baixo o título “A soberanía alimentaria: plantexamentos alternativos para a supervivencia do agro”, dentro das xornadas “Febreiro, Fervedeiro”

A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) defendeu o dereito dos pobos a alimentarse a si mesmos fronte ás políticas de libre comercio e de apertura de fronteiras e mercados que está impulsando a Unión Europea para favorecer os intereses das grandes multinacionais, algo que, explicou, “deixa fora do xogo ás pequenas e medianas explotacións agrarias e á pesca artesanal e o marisqueo, levándoas á súa desaparición”.

Senra apostou por impulsar unha política na que se recuperen as parroquias, as aldeas, na que se diversifiquen as producións fronte ao monocultivo e na que cada país teña o dereito a producir os seus propios alimentos básicos. “Falar de soberanía alimentaria é falar de moito máis que de alimentarse, é tamén poder reanimar o rural e a costa e na medida en que se recuperen os sectores produtivos básicos, o agro e a pesca, imos ser capaces de xerar máis postos de traballo no país, a soberanía alimentaria tería consecuencias positivas en todo o tecido social galego”, reivindicou. “No contexto de crise actual, recuperar os sectores produtivos básicos sería unha fonte de emprego moi importante e de desenvolvemento do país en base a nós e ás nosas necesidades”.

Lídia Senra reiterou que “facer a compra hoxe en día é un acto político dunha magnitude enorme”. Así, chamou a exercer a capacidade de decidir e valorar a parte do orzamento familiar que se quere dedicar á alimentación e a apostar polos mercados locais e os produtos producidos na contorna próxima a onde van ser consumidos, fronte á competencia da globalización e das grandes áreas comerciais.

A eurodeputada de AGEe criticou o contexto europeo actual, que impulsa acordos de libre comercio coa única intención de eliminar os mecanismos de protección existentes para favorecer o negocio agro-exportador que fai circular masivamente ao redor do planeta alimentos que se poderían conseguir en circuítos curtos.

Senra tamén aproveitou para atacar as últimas reformas europeas, que permiten que se poidan etiquetar os produtos transformados sen poñer o país de orixe da carne ou do peixe, dándose a situación de que a día de hoxe se están vendendo como galegas conservas de mexillón que non é galego.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com