López Orozco fai un resumo das propostas socialistas máis salientables

Esta mañá, o actual alcalde de Lugo e candidato polo PSOE nas eleccións municipais, José López Orozco, fixo un resumo das proposta que conforman o seu programa electoral.

“Os socialistas lucenses apostamos pola educación e a formación como prioridade”, afirmou, e lembrou que os gobernos que presidiu “foron quen de manter 4 garderías municipais para atender as necesidades das familias ás que a Xunta de Galicia deixa desatendidas pola falta de prazas”.

López Orozco comprometeuse a promover a construción de novos CEIP nas zonas de crecemento da cidade, cedendo terreos onde sexa necesario, como é o caso do Sagrado Corazón ou a zona sur da cidade.  Ademais, dixo que o concello colaborará coa Axencia Galega de Benestar e coa Fundación Amancio Ortega na creación dunha escola infantil no barrio de Albeiros.

O candidato socialista explicou tamén a colaboración necesaria coas ANPAS na posta en marcha e mellora dos comedores escolares e das actividades extraescolares e o “éxito do programa de almorzos saudables”, co que os nenos e nenas aprenden a levar unha alimentación saudable. O programa socialista inclúe a consolidación dos hortos escolares nos centros educativos do Concello e a creación dun Centro de Recursos para a Infancia e a Adolescencia que permita unha mellor conciliación da vida familiar e laboral dos lucenses.

Ademais, coa Universidade promoverán un sistema de bolsas remuneradas para a mocidade, acadarán un pacto educativo por Lugo para detectar nichos profesionais e fórmulas de emprego en beneficio do Concello e da provincia.

Na educación secundaria, potenciarán as campañas educativas e talleres de información sobre métodos anticonceptivos, enfermidades de transmisión sexual, tabaquismo, drogas e alcohol en adolescentes, dirixindo os esforzos a modificar a conduta.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com