As solicitudes para natación poderán presentarse do 8 ao 11 de setembro, mentres que a matrícula para maiores de 65 anos será do 14 ao 18
O Concello de Lugo abrirá en setembro o calendario de inscrición para os cursos do último trimestre do ano nas piscinas municipais de Frigsa e As Pedreiras. A programación inclúe actividades de natación para nenas, nenos e persoas adultas, ademais do curso “Deporte para maiores de 65 anos”.
As persoas interesadas nos cursos de natación deberán solicitar praza entre o 8 e o 11 de setembro na piscina na que desexen realizar a actividade, dentro do horario habitual de apertura de cada instalación. O último día, o prazo finalizará ás 14.00 horas tanto en Frigsa como nas Pedreiras.
Se a demanda supera o número de prazas dispoñibles, o Concello celebrará un sorteo público o 16 de setembro, ás 10.00 horas, na piscina de Frigsa. As listas de persoas admitidas publicaranse o 17 de setembro nos taboleiros de anuncios das dúas instalacións.
A partir desa data, todos os trámites de matrícula deberán realizarse na piscina de Frigsa, tamén no caso dos cursos que se impartan nas Pedreiras. O prazo para formalizar a inscrición permanecerá aberto do 17 ao 23 de setembro.
O 24 de setembro, as prazas vacantes poderán ser ocupadas polas persoas que presentasen a solicitude, pero non obtivesen praza no sorteo. As que aínda queden libres estarán dispoñibles para o público xeral o día 25.
No caso do programa “Deporte para maiores de 65 anos”, non será necesario participar nun sorteo. A matrícula será directa e poderá formalizarse do 14 ao 18 de setembro na piscina municipal de Frigsa.






