Lugo amosa aos peregrinos os 100 km que lles restan para chegar a Compostela

Ediles do Concello de Lugo visitaron hoxe a praza do Camiño Primitivo onde se veñen de colocar as letras LugoKm100, unha acción que segundo o Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, “mellorará a imaxe do Camiño Primitivo ao seu paso por Lugo, e servirá como elemento de promoción turística de Lugo a nivel internacional”.

“Queremos que Lugo se asocie tamén ao Camiño, dunha maneira similar a como se identifica Lugo coa Muralla”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “as letras de LugoKm100 elaboráronse para converterse nun atractivo turístico que sirva para promocionar Lugo e o Camiño Primitivo nas redes sociais das persoas que se acheguen á cidade, e ao mesmo tempo dar contido á praza do Camiño Primitivo, que ata o de agora estaba baleira”.

O Tenente de Alcalde explicou que “escollemos esta ubicación xa que na praza do Camiño Primitivo, a distancia entre Lugo e Compostela é de 100 Km“, e engadiu “esta é unha das accións coas que desde o Goberno de Lugo contribuimos á celebración do Xacobeo 2021”.

 

As letras na súa parte máis alta superan os 2 metros de altura, e contan con acabados en aceiro corten, que permitirá que o aspecto da escultura evolucione co paso do tempo. Foron colocadas sobre unha estrutura granítica para adaptalas á estética da praza do Camiño Primitivo.

 

Os dous primeiros peregrinos que chegaron hoxe durante a colocación das letras sumáronse á promoción de Lugo, realizando as primeiras fotos do Lugo Km 100.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com