Lugo aposta polas sensacións en FITUR 2018

O Concello de Lugo  volverá a presentar á cidade no marco da 38ª edición da Feira Internacional de Turismo (FITUR), que se celebrará entre este mércores e o domingo 21 no recinto feiral IFEMA. O goberno local leva a Madrid a terceira edición da campaña Ven, é Lugo; aínda que, este ano se presenta cunha “aposta completamente distinta, cunha aposta por un Lugo moderno e dinámico”, que redescubrirá un Lugo de sensacións, un destino para os sentidos. Ademais, aproveitando o acordo do Consello e o Parlamento Europeo da celebración, neste 2018, do Ano Europeo de Patrimonio Cultural, aproveitarase a nova campaña para enxalzar a diversidade e a riqueza cultural de Lugo.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, viaxarán a esta “cita ineludible para o turismo internacional”, para presentar este xoves un vídeo promocional da cidade, que pon o acento en Lugo como un destino aberto os 365 días do ano no que hai de todo, para todos; así como para impulsar o municipio entre os 165 países e rexións que estarán presentes nesta feira, que agarda a 250.000 visitantes, recibindo a pasada edición a 244.972, 75.500 o stand galego.

A concelleira tamén avanzou que se repartirán máis de 4.500 folletos promocionais de Lugo, tanto en español como inglés ou francés -para facilitar o acceso a mercados internacionais-, así como guías, planos ou marcapáxinas, ou pequenos libros do Vello Cárcere, un centro que dende a súa apertura o pasado mes de marzo atrae a un número importante de visitantes.

“Lugo é algo máis que patrimonio, é un patrimonio para tocalo, sentilo e acaricialo, para saber realmente que vivimos máis de 2.000 anos de historia. E iso é que o que quixemos transmitir no novo vídeo”, asegurou a edil, quen lembrou que na montaxe audiovisual, protagonizada por unha peregrina, que garda a súa mochila para coñecer a cidade, tamén hai espazo para as festas do San Froilán e o Arde Lucus, o Cemiterio Municipal -destacado polos premios de Mellor  Monumento Arquitectónico e camposanto coa mellor actividade de portas abertas de España-; o Mercado Municipal, o Vello Cárcere ou o MIHL; sen olvidar a esencia turística do municipio, basada no patrimonio natural e arquitectónico, incluíndo os 3 Patrimonios da Humanidade (A Muralla, a Catedral e o Camiño Primitivo), así como a Ponte Romana, a Ponte da Chanca ou a Casa Consistorial, entre outros.

Por último, Carmen Basadre aproveitou a ocasión para realizar unha valoración dos datos de turismo en Lugo, que recibiu tanto na oficina municipal como na rede museística do Concello a máis de 88.500 visitantes no 2017, sen contar as visitas guiadas do programa de Terras de Auga e Cultura, entre outras alternativas. O Concello aposta polo turismo, cun impacto global no PIB español do 16%, en aumento progresivo dende 2010, e superior á media europea, que se sitúa nun 9,6%. “Cunha coidada imaxe que ofrece unha visión panorámica de Lugo, con esta nova campaña queremos seguir sendo un destino inédito, que conxugue a tradición coa modernidade”, finalizou a edil.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com