Lugo asume a presidencia da Rede de Cidades Catedralicias

O Alcalde, José López Orozco, asumiu hoxe a presidencia da Rede de Cidades Catedralicias que lle corresponderá durante o período dun ano a Lugo.

O relevo na presidencia desta entidade na que están agrupadas as cidades que dispoñen de Catedral produciuse na Asamblea Xeral Ordinaria celebrada esta mañá en Madrid, na sede da Federación Española de Municipios e Provincias.

López Orozco, que sucede no cargo ao Alcalde de Coria del Río, logo de asumir a presidencia presentou un plan de traballo para o vindeiro ano. Nese plan inclúese un paquete de medidas que están orientadas á revitalización da Rede de Cidades Catedralicias, formada na actualidade por un total de 16 cidades de toda España.

Na xuntanza, acordouse convocar para o mes de xullo, unha vez constituídas as novas corporacións locais que serán elexidas nas eleccións municipais do mes de maio, unha asamblea extraordinaria para aprobar as distintas iniciativas sobre as que se debateu hoxe.

Orozco fíxose cargo da presidencia cunha clara aposta pola revitalización da Rede de Cidades Catedralicias con medidas como a invitación á totalidade das 84 cidades que dispoñen de catedral ou concatedral para sumarse á esta entidade. Asemade propuxo manter unha reunión co Bispo que preside a Comisión de Patrimonio da Conferencia Episcopal para ver de asinar un convenio de colaboración entre os dous entes.

Na mesma liña de darlle un novo pulo á Rede, o Alcalde de Lugo propúxolle á Asamblea a posibilidade de establecer conversas con cidades de Portugal, co obxectivo de facer unha Rede Ibérica na que se traballe conxuntamente para a difusión das capitais españolas e portuguesas que contan con catedrais.

Outras medidas previstas son establecer o día 24 de outubro como Día das Catedrais e facer unha serie de xestións en torno a esa conmemoración como a solicitude á Fábrica de la Moneda y Timbre e a Fundación ONCE para que se sumen á difusión coa posta en circulación dun selo e dun cupón dedicados ao logotipo da Rede de Cidades Catedralicias.

Tamén para celebrar esa data traballaríase na elaboración dunha unidade didáctica de cada unha das catedrais para distribuila entre a poboación escolar das cidades que son socias da Rede.

O paquete de propostas presentadas polo novo Presidente da Rede de Cidades Catedralicias inclúe asemade a reactivación da páxina web da Rede e o establecemento dunha cota simbólica para os socios cun importe anual de 1.000 euros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com