" />

Lugo conta dende hoxe cunha nova escola infantil que ofrece 82 prazas para nenos de 0 a 3 anos

82 nenos lucenses de entre 0 e 3 anos poderán beneficiarse este curso da nova Escola Infantil da Galiña Azul da cidade. Neste caso falamos da Escola construída nun convenio a 3 partes asinado entre Concello, Xunta e a Fundación Amancio Ortega que financiou a construción deste edificio.

Na presentación, hoxe, que tivo lugar no medio dunha xornada de portas abertas, estivo o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, acompañado do Vicepresidente da Fundación Amancio Ortega, José Arnau e a alcaldesa de Lugo.

Os tres resaltaron a importancia destas 82 novas prazas que suporán un avance na conciliación familiar e laboral de moitas familias do Concello. Esta escola, que supón 12 novos postos de traballo, está situada a carón do Centro Comercial As Termas e abrirá mañá as súas portas.

O titular do Goberno galego destacou que a Comunidade inicia o curso con 24.081 prazas públicas para nenos de 0 a 3 anos, case 500 novas prazas máis que o ano anterior, e con cinco novas escolas infantís en Lugo, Santiago, Ourense, A Estrada e Mos.

Durante a visita ás instalacións desta nova escola infantil, Feijóo aseverou que esta cifra sitúa a ratio de cobertura en Galicia nun 41,6%, oito puntos por riba da ratio mínima aconsellada pola Unión Europea; unha cifra similar á provincia de Lugo que conta cunha oferta total de 2.653 prazas sostidas con fondos públicos.

O presidente autonómico recordou que a rede pública de escolas infantís é un dos piares nos que se asenta o Programa de apoio á natalidade. Unha iniciativa que se complementa coa posta en marcha doutras medidas como o Bono Concilia, que este curso conta con 3,4 millóns de euros ampliables para axudar ás familias que residan nun concello onde non existen centros sostidos con fondos públicos, así como a aquelas que non obtivesen praza nas escolas infantís de 0 a 3 anos da rede autonómica ou dependentes dos concellos.

Núñez Feijóo agradeceu á Fundación Amancio Ortega o seu compromiso cos máis cativos en colaboración coas administracións autonómica e locais. “En total, estamos a falar de 852 prazas públicas que sitúan a ratio de cobertura desta cidade no 34%, un punto por riba da ratio mínima aconsellada pola Unión Europea”, concluíu.

Convenio

Neste convenio a tres bandas, asinado en abril do 2017, se estipulou que o Concello de Lugo debería ceder os terreos (4000 metros cadrados) e colaborar ao seu mantemento cunha inversión de 123.000 euros anuais. Asemade, a Xunta deberá, xunto co Concello, colaborar no mantemento axeitado e na posta en marcha da escola; ademáis de xestionala a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Pola súa banda, a Fundación se encargaría das obras de construcción e equipamento.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo