Lugo coordinarase coas cidades do Eixo Atlántico para acoller refuxiados de Ucraína

A alcaldesa de Lugo e presidenta do Eixo Atlántico anunciou hoxe, conxuntamente co secretario xeral da entidade transfronteiriza, a acción coordinada que desenvolverán as cidades de Galicia e Portugal do Eixo para acoller refuxiados ucraínos que foxen do seu país en guerra. Xa son 21 os municipios que se sumaron, Lugo incluído, a esta resposta conxunta, aínda que se prevé que se sumen máis administracións locais.

A rexedora, que lamentou que fallasen as vías diplomáticas e pacíficas para dar unha resposta dialogada ao conflito Rusia-Ucraína, sostivo que “debemos defender sempre con firmeza a paz, a seguridade, a democracia e a liberdade”.

Segundo avanzou, a rapidez coa que se están sucedendo os acontecementos, que afectan principalmente a poboación civil, a intolerable acción de Rusia e o elevado número de persoas, máis de medio millón, que están intentado saír de Ucraína en menos dunha semana de conflito, fai necesario que as cidades europeas respondamos para evitar o colapso dos servizos nos países limítrofes que se están prestando a iso”.

Desde o Eixo Atlántico, segundo anunciou a súa Presidenta, contactarase hoxe mesmo coas embaixadas de Ucraína, en Portugal e en Galicia, así como co Presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, e o Primeiro Ministro de Portugal, António Costa, para trasladarlles a disposición das cidades con capacidade para acoller refuxiados.

A alcaldesa indicou que os concellos actuarán cada un na medida das súas posibilidades, e que “será clave tamén a colaboración interadministrativa tanto co Goberno central como coa Xunta de Galicia para dar unha resposta integral ás necesidades dos refuxiados xa que a sanidade e o ensino non entra xa nas nosas competencias”. Así mesmo, destacou a necesidade de articular mecanismos de apoio coas entidades da sociedade civil.

Neste senso, explicou o Secretario Xeral, tamén “pedimos ás nosas cidades que en todos os foros nos que participen fagan unha chamada á solidariedade doutros municipios e da cidadanía co fin de concienciar na necesidade de actuar dunha maneira coordinada”. 

No tocante ao Concello, a rexedora anunciou que Lugo activou xa desde á area de Benestar Social a planificación de acollida, que incluirá os pisos de emerxencia social que ten o Concello, deixando a porta aberta á posibilidade de alugar máis, así como o contacto directo e permanente para traballar man a man con colectivos sociais como Accem ou Cruz Vermella na integración social e laboral dos refuxiados.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com