Lugo despide o San Froilán coa tradicional feira medieval

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada por outros membros da Corporación Municipal, inaugurou este mércores a XVII Feira Medieval, que xunto cos concertos da Banda Devandoira e o grupo Brath, e máis de outra decena de activididades poñen o colofón ás festas do San Froillán 2016. A rexedora fixo un balance “moi positivo” dos festexos, que, a falta de contabilizar os visitantes que recibirá a cidade ao longo de hoxe, confía en cumprir as expectativas e chegar aos 600.000 visitantes. Nesta liña, Lara Méndez subliñou a afluencia masiva de xente nas rúas, e a “concorrencia tremenda” de toda a programación de concertos, que deixou en numerosas ocasións ás prazas pequenas do éxito de público, como no caso de Loquillo, Abraham Mateo, Bebe ou Carlos Núñez. Así mesmo, e tras conversas coa APEHL, a rexedora subliñou a ocupación hoteleira acadada ao longo das festas.

Recuperamos a esencia da Gran Foilada, á que facía referencia o pregoeiro Paco Nieto, que é o que queremos, que o San Froilán sexan unhas festas pensadas na xente e para a xente, ofrecendo actividades en todos os recunchos da cidade”, asegurou Méndez minutos antes de dar por inaugurada a Volta ao Medievo, convertida nun referente destas festas declaradas de Interese Turístico Galego e Nacional.

Na súa intervención, a Alcaldesa, quen agradeceu aos antigos alumnos da Escola de Artes Aplicadas Ramón Falcón o seu labor, que fai posible un ano máis esta feira, fixo fincapé na importancia da feira medieval, que leva 17 anos poñendo o broche de ouro ao San Froilán. Así mesmo, lembrou o privilexiado lugar onde se celebra esta cita, importante na Idade Media, onde era o antigo patio de armas, hoxe Praza de Pío XII e confluencia dos tres Patrimonios da Humanidade cos que conta a cidade, a Catedral, a Muralla e o Camiño Primitivo.

Para rematar, Lara Méndez convidou aos visitantes e veciños a gozar da feira, que ata as dez da noite ofrece talleres de artesáns traballando en vivo e en directo, un desfile de vestimenta medieval, cantares de cego, exhibicións de cetrería, malabares ou unha queimada popular, ademais de distintos produtos en medio cento de postos. Ao longo desta última xoranda de festexos tamén terán lugar pasarrúas por distintos puntos da cidade, así como a actuación da Banda Devandoira e o concerto de Brath, acompañados de Devandoira, grupo de corda Lucus, grupo vocal Codex Box, e o guitarrista do grupo de rock Imán, Manuel Rodríguez. A xornada concluirá ás 21:30 coa verbena da orquestra Suavecito, na Praza Maior.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com