‘Lugo en pé’ esixe que o canon da auga reverta en melloras “necesarias e urxentes” do saneamento

Desde a Plataforma ‘Lugo en pé… Na defensa do rural’, vinculada á Federación de Asociacións Veciñais Lucus Augusti da provincia de Lugo, reiteran a súa petición de reverter o canon da auga en obras de saneamento.

“Instamos novamente -xa o fixemos o pasado 9 de abril de 2021- á Xunta de Galicia -por ser a Administración con competencia directa nesta materia- para reverter a cantidade correspondente ao canon da auga -recadado polos Concellos de toda a provincia lucense – no recibo de consumo de auga- en obras de saneamento rural dentro do propio municipio onde é recadado”, explican nunha nota aos medios.

O pasado mes de abril de 2021 achegaron coa sua petición, ademais, a modo de exemplo, os datos dos 5 anos anteriores -desde 2016 ata 2020- correspondentes á recadación do Concello de Lugo a través do recibo de auga en concepto de canon da auga.

Todos os baremos fan unha suma total de 7.253.780,74€ nos últimos 5 anos, abonada en concepto de canon de auga por parte do Concello de Lugo á Xunta de Galicia; á que habería que sumar a cantidade correspondente ao último exercicio económico -ano 2021-.

A este respecto, desde a Plataforma ‘Lugo en pé… Na defensa do rural’, consideran “pouco razoable” que dita cantidade non sexa destinada a obras de saneamento do propio municipio, “como lamentablemente sucede, a pesar de ser necesarias e urxentes”.

O colectivo lembra que a provincia de Lugo conta con numerosos puntos negros e fosas sépticas -coa consecuente contaminación de acuíferos- e, na actualidade, moi escasa execución de obras destinadas ao saneamento, “a pesar de ser a súa existencia, necesaria, baseada nunha directriz europea que na actualidade segue sen cumprirse”.

Desde a Plataforma ‘Lugo en pé… na defensa do rural’, volven instar á Xunta de Galicia a que a recadación do canon da auga sexa finalista e revértase en obras de saneamento dentro do propio municipio onde é recadado; “é dicir, que redunde en melloras necesarias e urxentes para os veciños do propio municipio, como é de xustiza”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com