Lugo enche esta semana de actividades para todos os públicos

Lugo pon punto final ao Nadal esta semana cunha vintena de actividades que desbordan ilusión. Para elo, o Concello organiza distintas propostas, que contemplan dende obradoiros no Vello Cárcere, na Casa da Xuventude e no Mercado Municipal, e espectáculos familiares no MIHL a cinema, música e danza, ademais da visita de Melchor, Gaspar e Baltasar.

No Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), o Concello preparou distintas sesións de espectáculos para a primeira infancia, de 0 a 6 anos. As tres funcións serán ás 18:00 horas e para poder asistir, aínda que son de balde, é preciso recoller tarxetas na Biblioteca Municipal.

No Vello Cárcere, o Concello ten en marcha diversos obradoiros para rapaces e rapazas de 6 a 12 anos, que se celebran en quenda de mañá -de 11:30 a 13:30 horas- e tarde -de 17:30 a 19:30 horas-. É preciso inscribirse a través do 010. Entre os obradoiros hai un de adornos con feltro, outro de chapas e pins personalizados e un último, este venres, para aprender a darlles unha vida nova aos xoguetes rotos para o que cada neno deberá levar o seu xoguete.

Dentro da exquisita selección de filmes de Nadal que proxectou ao longo destes últimos días o Concello, mañá xoves, 3 de xaneiro, haberá dúas sesións de cine, unha ás 18:30 horas, Canción de Nadal, do director Brian Desmond Hurst, e outra ás 20:30 horas, A muller do bispo, do director Henry Koster.

En canto a actuacións musicais, o venres 4, o patio do Vello Cárcere acollerá a partir das 18.30 horas Trotasongs. Contacánticos As viaxes polas fragas dos Biosbardos. É para un público familiar con nenas e nenos de 6 a 12 anos. A entrada é libre ata completar a cabida.

Ese mesmo día, ás 20:00 horas, o cantante lugués Edgar Bao presentará, no Auditorio Municipal Gustavo Freire, o seu novo single, Tu vida en la mía. Trátase dunha actuación de balde, con retirada de entrada na Oficina Municipal de Turismo, na web www.entradaslugo.es ou media hora antes da actuación nas propias instalacións do auditorio.

No Mercado continúan os obradoiros Aprende a fabricar os teus agasallos, de 17:00 a 19:00 horas, instalacións que visitarán os Reis Magos o día 4 de xaneiro, de 17:30 a 19:30 horas, e o día 5, de 11:30 a 13:30 horas. A zona infantil continúa aberta na Praza de Abatos ata o 7 de xaneiro, de 10:00 a 13:30 horas. Ademais, na Casa da Xuventude seguen os talleres de Cociña de Nadal e de agasallos, así como actividades de ioga, pilates e zumba mañá xoves, de 17:00 a 21:00 horas.

A Cabalgata de Reis poñerá o broche de ouro á programación. A comitiva partirá ás 18:00 horas da Praza da Milagrosa. Unha hora antes haberá danza, na Praza de Santo Domingo, na rúa da Raíña e na Praza Maior. Interpretaranse catro danzas tradicionais a Danza de Fitas, de Arcos, de Paos e de Castañetas.

Lugo Monumental

Por último, a Asociación Lugo Monumental remata mañá, xoves, o seu ciclo de ‘Xoves de Cine’ no que proxectarán na Deputación a película Solo en Casa ás 17.45 horas. Como viña sendo habitual estes últimos xovves, a entrada é libre e de balde.

 

Actividades da Deputación

O Goberno da Deputación continúa a organización de actividades lúdicas e educativas dentro da programación de nadal durante os días 2 e 3 de xaneiro. As actividades, dirixidas aos máis pequenos e ás familias poderán desfrutarse nos concellos de Lugo, Triacastela, A Pastoriza, Samos, Chantada, Barreiros, Cervo e O Saviñao; así como na Rede Museística. Entre os diferentes actos podemos destacar a derradeira actuación do ciclo de corais, ademais de animación polas rúas e talleres educativos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo