Lugo Monumental: Peonalizar sí, pero antes…

O anuncio do Concello de que aprobou un crédito extraordinario para executar accións na cidade, é sen dúbida un motivo de alegría para todos os lucenses. Con todo, unha das medidas anunciadas, a peonalización da rúa Quiroga Ballesteros, preocupa ao sector comercial do centro histórico se  se leva a cabo nas actuais condicións. Desde Lugo Monumental insistimos reiteradamente no noso apoio á peonalización, pero tamén en que antes de levala a cabo é absolutamente imprescindible tomar certas medidas previas entre as que están a reorganización das liñas de autobús urbano (aumentando as frecuencias e racionalizando percorridos e paradas) e a resolución dos problemas de aparcamento, que se agravarán enormemente se prospera a orde de clausura do aparcamento de Ánxel Fole.

Concretamos tres medidas que nos parecen necesarias e PREVIAS a calquera peonalización no centro histórico: 1.- Autobús urbano: Consideramos que é o alicerce básico sobre o que se ten que sustentar o transporte dentro da cidade, xunto aos percorridos peonís. Para iso, é imprescindible que se reorganicen as liñas de autobús aumentando as frecuencias, racionalizando trazados e horarios, sinalizando correctamente as paradas (tanto os minutos de chegada a cada unha delas como poñendo en funcionamento os paneis electrónicos intelixentes) e mesmo utilizando autobuses de tamaños adecuados (pequenos buses eléctricos que accedan a zonas a peonalizar, como a Praza de Abastos). 2.- Necesidade de estacionamento: A ampliación de prazas nos aparcamentos subterráneos propiedade do Concello (Santo Domingo, Ferrol e Constitución), onde se prometeu converter tres prazas en dúas, é outro dos pasos para dar antes de acometer novas peonalizacións. Se ás notorias deficiencias destes aparcamentos sumamos o posible peche do aparcamento de Ánxel Fole (para o que insistimos en que existen solucións legais viables que están en mans do Concello), atopámonos cunha drástica redución de prazas no centro. Unha das medidas máis necesarias nesta tesitura sería a recuperación dunha racionalización de aparcamentos, como sempre propuxo Lugo Monumental. A nosa asociación posicionouse desde o primeiro momento contra o sistema proposto en 2015, pero polas condicións en que se expuxo, xa que supoñía un espectacular aumento de prazas de pago na rúa e ademais implicaba mobilizar todos os vehículos cada dúas horas (xa que non permitía “renovar o ticket”). Isto traía como consecuencia aumentar de forma inasumible o tráfico na cidade. Xa naquel ano, 2015, se comunicou ao concello que a asociación entende que é importante establecer un sistema alternativo de racionalización de aparcamentos, e xa advirtiamos entón que “pola contra pode darse a situación de que os mesmos vehículos estean varios días estacionados en prazas de aparcamento que son un ben moi escaso e necesario no centro histórico”. O tempo deunos a razón (se adxunta escrito rexistrado en agosto de 2015). Desde Lugo Monumental propoñemos, por tanto, o establecemento de sistemas gratuítos de limitación de aparcamento, coa sinalización de máximos de media ou unha hora (dependendo da zona de que se trate) e a creación de zonas de aparcamento libre en áreas próximas ao centro, redeseñando incluso as mesmas para ampliar as prazas dispoñibles. 3.- Itinerarios peonís e Metrominuto: A terceira medida necesaria e básica antes de proseguir coas peonalizacións é o establecemento de itinerarios peonís que comuniquen todos os barrios entre si a través do centro histórico, non por importancia do mesmo, senón pola súa situación estratéxica na configuración de Lugo. Ampliar beirarrúas, elevar as calzadas ao nivel dos bordos en determinados puntos e actuacións similares son básicas para que a cidadanía acuda andando a determinados puntos da cidade. Tamén propuxemos reiteradamente a elaboración dun “ MetroMinuto”, un mapa de Lugo a semellanza dos do Metro que calcule as distancias peonís para facer ver aos veciños que na maioría das ocasións tardamos máis utilizando o coche que camiñando.

 

 

 

 

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com