Lugo podería ter orzamentos durante a vindeira semana

O goberno municipal avanzou este martes que os Orzamentos do Concello de Lugo, que contan con 95,3M€en inversión, entrarán en vigor a vindeira semana. A Comisión de Contas, convocada onte, abordará este xoves as alegacións presentadas ao documento e a Corporación reunirase en sesión extraordinaria dous días hábiles despois, isto é, o martes 17, para o debate das mesmas e a aprobación definitiva do presuposto, que poderá comezar a executarse ao día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP), previsiblemente a finais da semana que vén.

En base aos informes técnicos elaborados polos servizos municipais de Intervención e Secretaría, que a oposición ten á súa disposición dende onte, o Goberno propón inadmitir ou desestimar todas as alegacións aos Orzamentos, presentadas pola CIG, CSIF, CC.OO., Ágora e un militante de Ciudadanos, a excepción da relativa á eliminación dos postos non ocupados e orzamentados na plantilla sen reflexo na relación de postos de traballo, alegación que formularon Ágora, CSIF, CC.OO. e o militante de Ciudadanos, e que o Goberno propón admitir.

A Alcaldesa mostrou a “satisfacción” do Goberno por “contar por fin cuns orzamentos que redundarán  no conxunto da cidadanía porque nos permitirán impulsar o desenvolvemento da cidade, mover a economía, crear emprego e atender as demandas dos veciños, ademais de cumprir os propios acordos tomados polo Pleno”.

A rexedora reiterou, “que ao ser seis grupos políticos na Corporación, habería seis orzamentos diferentes, mesmo se hoxe o Goberno volvese a facer o presuposto seguramente cambiaría algo ou incluiría unha necesidade nova”, pero isto “non significa que non haxa actuacións importantes con demanda social e consesuados no Pleno”. Neste senso, a rexedora deixou en evidencia as contradiccións da oposición: “Non pode ser que, por unha banda, se estean solicitando Pleno tras Pleno actuacións importantes que se aproban por unanimidade, e, ao mesmo tempo, por outra, que á hora de dotar esas actuacións de orzamento para poder executalas a resposta sexa no, sen máis, o non polo non”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo