" />

Lugo prepara a súa candidatura para converter o casco histórico en Ben Mundial

Lugo prepara a súa candidatura para converter o casco histórico en Ben Mundial e de cara a entrar na rede de cidades creativas da UNESCO, na categoría de gastronomía. Así o deron a coñecer a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, no marco da 38ª Feira Internacional de Turismo (FITUR), onde o Concello presentou este xoves a terceira edición da campaña turística promocional Ven, é Lugo; que este ano redescubre un Lugo de sensacións, un destino para descubrir cos cinco sentidos.

Carmen Basadre foi a encargada de conducir o acto, no que tamén interviu o Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, e a Directora Xeral de Turismo, Nava Castro. Méndez puxo o broche de ouro á presentación, presenciada por numeroso público, entre autoridades, blogueiros, especialistas en comunicación turísticas ou turoperadores, entre outros.

Na súa intervención, a rexedora apelou aos cinco sentidos para descubrir Lugo. “Quen visita Lugo, se acaricia a Muralla, toca unha cidade romana, se acaricia o Burgo Vello, toca unha cidade medieval, se acaricia a Casa Consistorial, toca unha cidade barroca, ou se acaricia a Catedral, toca unha cidade románica e gótica. Tocar Lugo é tocar a historia da humanidade”, asegurou Méndez, quen confirmou o gran atractivo do municipio, recoñecido dende hai 2.000 anos de historia polos romanos. A Alcaldesa tamén posicionou a Lugo como unha “cidade aberta e amable”, unha cidade que abre as portas da súa Muralla a cada vez máis turistas, máis de 88.500 o pasado ano, estando xa o turismo mimetizado coa actividade diaria luguesa; e como un destino “inédito, con personalidade propia e capaz de ofecer experiencias, tanto culturais, históricas, gastronómicas ou paisaxísticas”.

Pola súa banda, Carmen Basadre, vendeu a Lugo como destino accesible e convidou a visitar non só as excelencias turísticas da cidade, encabezadas polos tres Patrimonios da Humanidade cos que conta, senón tamén o Mercado Municipal, a Praza de Abastos, o Vello Cárcere ou o cemiterio municipal de San Froilán, un dos máis bonitos do mundo segundo National Geografic, integrado na ruta de cemiterios históricos europeos.

A edil tamén fixo fincapé na oferta turística que ofrece o municipio ao longo do ano, como as rutas accesibles ou as andainas de Terras de Auga e Cultura; así como nos dous festexos por excelencia de Lugo, declarados de Interese Turístico Nacional, o Arde Lucus e o San Froilán, dos que se pudieron visualizar hoxe durante o acto dúas novas proxeccións.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo