A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, recibiu este xoves na Casa do Concello aos participantes da XI edición do Campus Álex Llorca, unha iniciativa deportiva que reúne na cidade a 111 rapaces e rapazas de entre 9 e 17 anos para participar nun programa de tecnificación en baloncesto e actividades de convivencia.
Máis da metade dos asistentes proceden de fóra de Galicia, con representación de comunidades como Madrid, Canarias ou Cataluña, consolidando este campus como unha cita de referencia no calendario estival e cun importante atractivo para participantes de distintos puntos de España.
Durante a recepción institucional, a rexedora deu a benvida aos mozos e mozas e destacou a continuidade dun proxecto que combina a formación deportiva co coñecemento da cidade. Tamén agradeceu á organización que continúe apostando por Lugo como sede desta actividade e puxo en valor o labor desenvolvido polo exxogador profesional Álex Llorca na transmisión de valores como o esforzo, a constancia, o compañeirismo e a superación persoal.
O Concello de Lugo colabora un ano máis coa organización mediante a cesión das piscinas municipais exteriores de Frigsa, onde os participantes complementan os adestramentos con actividades de lecer durante a súa estancia.
O campus desenvolverase ata o vindeiro 12 de xullo e inclúe sesións de tecnificación deportiva, actividades lúdicas e xincanas pola cidade, baixo a coordinación dun equipo técnico especializado e coa participación de Álex Llorca.
Na súa intervención, Elena Candia animou aos asistentes a aproveitar estes días para seguir medrando tanto no ámbito deportivo como no persoal, ao tempo que os convidou a coñecer Lugo e a conservar un bo recordo da súa estancia na cidade.






