Lugo traballa para ser a primeira cidade galega cardioprotexida

Lugo con Corazón. Ese é o lema da nova campaña que porá en marcha o Concello de Lugo conxuntamente co Servizo de Cardioloxía do HULA, a Federación de Veciños Lucus Augusti e a Cruz Vermella para converter a Lugo na primeira cidade do Noroeste peninsular Cardioprotexida.

Este nomeamento se fará coa adquisición, por parte do goberno local, de 73 desfibriladores tanto fixos como móbiles en diferentes dependencias municipais, vehículos dos servizos de protección da comunidade e da policía local e, incluso, para poder ceder a colectivos lucenses na celebración de diferentes actos. Ademáis desta compra, o  Concello financiará a formación en Reanimación Cardiopulmonar  e DEA de persoal municipal e das diferentes empresas concesionarias así como de veciños voluntarios. Por último, este programa, inclúe accións de coordinación co 061 e campañas de sensibilización e información entre a veciñanza.

Na presentación do programa, á que asistiron numerosos veciños, Lara Méndez estivo acompañada de Carlos González Juanatey, xefe de Cardioloxía do HULA, o presidente da Cruz Vermella en Lugo, Luis Abelleira, e o presidente da Federación de Veciños, Jesús Vázquez.

O número de desfibriladores en Lugo suporá unha ratio de 1 por 1.322 habitantes, o que converterá Lugo na cidade máis cardioprotexida de Galicia, “e incluso do Noroeste peninsular”, sostivo Méndez.

Do mesmo xeito, falaba o xefe do servizo de cardioloxía do HULA, o doutor Carlos González Juanatey, quen se amosou “orgulloso” de participar nesta nova campaña que mellorará a asistencia da morte súbita e que poderá reducir considerablemente o número de falecidos por esta causa. Juanatey, ademáis valorou, ao igual que o resto de membros da presentación, a necesidade de que a Xunta estableza no HULA un servizo de hemodinámica 24 horas.

Carlos González Juanatey destacou que “España se sitúa á cola de Europa en canto ao número de desfibriladores. Hai 3 por cada 10.000 habitantes, oito veces menos que países como Suecia, Francia ou Dinamarca”, e lembrou, ademais, que a ratio recomendada por Europa é de 10 por 10.000 habitantes, “na que se situará Lugo”.

Juanatey sinalou a importancia desta iniciativa xa que, en situacións de parada cardiorespitoria, cada minuto que pasa diminúe nun 10% a probabilidade de supervivencia. É dicir, que ao cabo de dez minutos ditas posibilidades son mínimas. “Por iso, a reanimación debe empezarse de forma extraordinariamente rápida e precoz”, apuntou.

A Alcadesa avanzou que a intención do Concello é que a instalación dos desfibriladores sexa unha realidade o ano que vén e que á hora de preparar os pregos de licitación contarán co asesoramento de Carlos González Juanatey. Ao mesmo tempo se traballará en paralelo na formación dos usuarios.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com