Lugonovo acusa de irresponsable ao Executivo Municipal

De irresponsable é como califica o Grupo Municipal Lugonovo o proceder do executivo local no que ten que ver ca redacción das ordenanzas. Os documentos,  só poderán ser alegados ata o día anterior á Comisión de Contas que terá lugar o próximo 20 de novembro, apurando por unha banda á oposición para o estudo e mellora dos mesmos e, pola outra, a capacidade de supervisión do equipo técnico e xurídico para avaliar a viabilidade das emendas presentadas.

“Parécennos unhas ordenanzas demasiado moderadas e pouco audaces e comprometidas cas políticas sociais e progresivas polas que debe apostar un goberno de esquerdas”, asevera o portavoz de Lugonovo, Santiago Fernández Rocha quen ademais, considera como “unha decepción non só a escasa valentía ca que opera este executivo senón que tamén nos dá que sospeitar o proceder tan apurado e pouco definido co que está a desenvolver a súa redacción. Poñer, unha vez máis, contra as cordas a toda a oposición e apremala cos prazos para presentar alegacións só se pode definir ou de ignorancia ou de miopía política, e na súa situación de minoría aritmética no seo da Corporación, non sabemos cal é máis grave das dúas”.

Lugonovo valora negativamente que se queira impoñer a aprobación das ordenanzas con tanta urxencia. “Esta xestión marcada polas présas empézanos a dar que desconfiar. Non sabemos se obedece a unha cuestión de descoñecemento da normativa, de pouca consideración coa oposición ou se está a enmascarar un mal asesoramento que os conduce a prácticas pouco transparentes e moralmente tan reprochables”, declarou Fernández Rocha.

O Grupo Municipal cualifica de “esmola” o feito de que nos novos documentos xa se incorpore a redución das taxas para a nova construción e rehabilitación das edificacións agrarias, tendo en conta que só foi unha das propostas feitas por Lugonovo e sobre a que ademais xa existía un certo compromiso de aceptación tras ser aprobada no Pleno de xullo. “Parécenos insuficiente. Agardábamos que as ordenanzas tiveran un carácter social moito máis marcado, a pesares das limitacións temporais que pesan sobre elas”, sinalou o portavoz da formación.

Tamén consideran imprescindible que as novas taxas bonifiquen proporcionalmente no IAE a aquelas empresas que promovan a contratación indefinida de maiores de 50 anos e parados de longa duración así como eximir dos prezos públicos ás persoas cunha discapacidade superior ao 65% e aos seus acompañantes cando acrediten a necesidade da súa asistencia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com