Lugonovo advirte de verteduras de augas residuais ao pé da Nacional IV en Nadela

Lugonovo denuncia a existencia dun vertido de augas residuais ao pé da Nacional VI en Nadela. “Unha maraña de papel hixiénico e outros desperdicios amoréanse entre a vexetación, xunto á materia fecal, na canalización que se atopa á marxe dereita da estrada e que evacúa nun regato próximo”, explica Víctor Álvarez.

O edil da formación advirte que o foco contaminante atópase nunha contorna escolar e a tan só 200 metros da parroquia de San Xoan da Pena. “A súa proximidade coas vivendas fai que esteamos ante un problema grave para a saúde humana, tendo en conta que a presenza de restos orgánicos na capa freática e, polo tanto, na auga que se consume, pode derivar en enfermidades gástricas”, aclara Álvarez Arias.

Dende o Grupo Municipal instan ao goberno a atallar a vertedura con celeridade. “A propia veciñanza refírenos que a detectaron hai máis dun ano pero que se descoñece cando se orixinou e de onde provén. Trátase pois dunha deficiencia periódica que cómpre erradicar canto antes para evitar que se agraven as súas consecuencias”, sinala o concelleiro.

Lugonovo vén denunciando continuamente a elevada contaminación bacteriolóxica que padecen a maioría das fontes non conectadas á traída e que nas analíticas do primeiro semestre do ano afectaba a case o 80% dos mananciais. Unha situación que atribúe ao feito de que os núcleos carezan de saneamento para o que propuxo, entre outras medidas, que o Concello asumira a instalación progresiva da rede pública e que estudara a posibilidade de facer esa depuración a través de filtros verdes.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com