Cargos electos, militantes e simpatizantes de Lugonovo, plataforma cidadá que acadou nas pasadas eleccións municipais 3 concelleiros

Lugonovo chama á confluencia das mareas para as vindeiras Eleccións Xerais

O grupo municipal Lugonovo emitiu hoxe un comunicado no que insta ás chamadas mareas á confluencia entre elas para formar unha candidatura única nas vindeiras Eleccións Xerais, aludindo nomeadamente ás formacións Betanzos Novo e Marea de Noia.

“Ao longo dos últimos meses fóronse configurando por todo o país procesos de unidade popular, diversos na súa morfoloxía, pero guiados por unha mesma idea: a construción colectiva de proxectos municipalistas nos que se integraran todas aquelas persoas que, desde distintas ópticas e militancias, alén dos nomes e as siglas, compartiran o desexo común de conquerir unha democracia real nos seus concellos, fomentando a participación cidadá, e políticas que garantiran unha vida digna para todas as persoas”, explican dende Lugonovo.

Segundo a formación, estes resultados significan un reto e á vez unha responsabilidade. “Os procesos nunca rematan, senón que entran en fases distintas. É evidente que as Eleccións Xerais que terán lugar apenas dentro duns meses requiren dunha resposta por parte dos novos axentes do cambio e que o reto, lonxe de constituír un problema, ten que se converter nunha oportunidade: a de ir máis alá dos límites dos nosos proxectos locais para ser quen de trasladar a marea do cambio, os principios inspiradores dos procesos de unidade popular municipais, ao escenario das Eleccións Xerais, sendo conscientes de que os métodos e as ferramentas terán que ser adaptados a un proceso dunha dimensión distinta”.

E continúan, “as mareas somos a expresión política da cidadanía activa e como tal, estamos lexitimadas popularmente para exercer de motor do proceso, proceso que en todo caso deberá recoller e respectar todas as sensibilidades das persoas e forzas políticas que aposten por esta vía”.

Lugonovo defende que este proceso deberá guiarse polas seguintes características:

En primeiro lugar, un proceso destinado a acumular forzas para a ruptura democrática cos eixos dunha democracia radical, o dereito a decidilo todo e a construción dun novo modelo económico e social que garanta a dignidade das persoas. Tamén defenden un proceso no que o protagonismo ten que recaer na cidadanía, democrático e participativo, sen victorias nen imposicións de parte. Asemade, pretenden que este proceso que xere un espazo común, “deixando a un lado as diferenzas e buscando o que nos une, un espazo que sexa expresión dunha confluencia real para artellar ferramentas que vaian máis alá da contenda electoral”. Por último, sinalan que o proceso ten que contar cunha visión de Galicia como suxeito político.

Deste xeito, fan un chamamento a todas as mareas e procesos de unidade popular a nivel municipal de Galicia para manter un primeiro encontro o día 13 de agosto en Santiago de Compostela, co fin de configurar un grupo de traballo “que recolla toda a pluralidade e diversidade que representamos e que teña como misión a de elaborar, en constante diálogo cos axentes interesados en participar, unha proposta de metodoloxía para concretar o proceso de  unidade popular de cara ás Eleccións Xerais, como paso previo ao artellamento, no mes de setembro, da rede para levalo a cabo”, conclúen.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com